Galiforest comeza cos aproveitamentos forestais, mecanización, innovación e certificación FSC

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoqueixón
A-
A+
Primeira xornada Galiforest

Primeira xornada Galiforest

O III Monográfico Forestal Internacional para o Sur de Europa, Galiforest 2014, o cal se celebrará dende hoxe ata o sábado no monte e instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón), acolleu esta mañá unha ampla xornada técnica organizada por FSC España, empresa de certificación forestal que promove unha xestión dos montes ambientalmente responsable, socialmente beneficiosa e economicamente viable.

A xornada, na que participaron 8 expertos de distintos eidos do sector forestal, abriuse coa conferencia “Progresión de superficie e certificados FSC.Estado actual e perspectivas globais para España e Galicia”, a cal foi impartida por Marcos Estévez, técnico de FSC España.

A continuación leváronse a cabo catro relatorios que trataron o certificado FSC en distintas empresas, como son Ence, Energía&Celulosa; Selga (Compañía Galega de Silvicultores), a consultora Cerna e o grupo de certificación forestal Alvariza.

Nestes mesmos relatorios abordouse ademais a “Xestión de aproveitamentos forestais”, de man de Isabel Sánchez, de Ence, Energía&Celulosa; “Montes Veciñais e mecanización de traballos silvícolas e cortas”, por parte de Daniel Rodríguez, técnico de Selga; “Homologación de provedores nun grupo mixto”, nun relatorio impartido por Francisco J. Álvarez, director técnico de Cerna; e “O día a día da certificación de propiedades de pequena superficie”, sendo M. Beiro, técnico de Asefor, o encargado de desenvolvelo.

Por outra banda, dous auditores, M. A. Direito, de SCS Global Service – CEGANOR, e P. Gómez, de NEPCon, deron exemplos de innovación en mecanización forestal.

A xornada rematou cunha mesa redonda na que participaron os relatores e foi moderada por Daniel Villapol, vicepresidente de FSC España

26 de xuño de 2014 | 19:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.