publicidade hoxe

Cedeira inaugura a galería aberta ás enerxías renovables e o medio ambiente GalEco

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeira
A-
A+

A segunda edición de GalEco, a Feira de Enerxías Renovables e Medio Ambiente organizada polo Concello coa colaboración da Deputación provincial da Coruña, abrirá mañá sábado, 7 de xuño, as súas portas en Cedeira. Será a partires das 11 horas, no parque do Sagrado Corazón. Unha hora máis tarde, sobre as 12 h, o alcalde da vila, Luis Rubido, inaugurará oficialmente a cita e visitará os stands. Alí, sábado e domingo, diferentes asociacións e firmas comerciais descubrirán ao público asistente as alternativas que teñen á súa disposición en materia enerxética e os beneficios tanto económicos como medioambientais do seu uso. Dende vehículos eléctricos ata caldeiras de biomasa, pasando por sistemas intelixentes de iluminación e control do rego para xardíns ou explotacións agrarias. Entre os participantes, firmas como Grupo Austen, IGF, Polux Hispania, Tuimil, Camari SL, Corrente Eficiente, Instalaciones y Mantenimiento Cedeira ou Electricidad Cordobelas, Agrogandeiria construccionmaquinas (Noncemento), AGD CyL SL e PROMACE ou Nosa Enerxía.

¿Horarios de GalEco? Sábado e domingo, de mañá de 11 a 14 horas e, de tarde, de 16 a 20. Unha cita que, segundo explica o alcalde, Luis Rubido, pretende fomentar o uso de enerxías renovables a nivel doméstico, dando a coñecer os sistemas que veciños e veciñas teñen ao seu alcance, explicando o seu funcionamento e informando das súas ventaxas. A tecnoloxía smart, enfocada a particulares e administracións públicas, estará moi presente en GalEco a través da firma naronesa Grupo Austen, especializada en wireless sensor networks. En Cedeira dará a coñecer diferentes solucións de eficiencia enerxética con múltiples aplicacións no campo da agricultura, o alumeado público ou a xestión de residuos.

Así mesmo, o público tamén poderá coñecer as últimas novidades en materia de mobilidade eléctrica no espazo expositor da firma Tuimil. Nosa Enerxía, a primeira cooperativa galega que ten por obxecto a comercialización de enerxía eléctrica de orixe renovable certificado, nunha clara aposta pola sostenibilidade enerxética, confirmou a súa presenza na cita. Os sistemas de enerxías renovables para vivendas e negocios tamén terán un papel destacado este ano en GalEco. Firmas como IGF, Polux Hispania ou Instalaciones y Mantenimiento Cedeira darán conta de todos eles, respetuosos co medio ambiente e con evidentes ventaxas para os seus usuarios a nivel económico. Exporánse paneis solares para a producción de auga quente, que permiten un aforro enerxético anual de ata o 80%; sistemas de calefacción por biomasa, que facilitan unha rebaixa do recibo dun 50% respecto a outros sistemas como o gas ou o gasóil ou circuitos de calefacción centrados na enerxía xeotérmica.

GalEco tamén reservará un espazo destacado ao sector forestal da man de Promace (a Asociación de Productores de Madeira de Cedeira), e da empresa Auténtica Generación Distribuida (AGD CyL), promotora da pranta de coxeneración de biomasa forestal do polígono industrial da Trabe. No caso de Promace, trátase dunha asociación que, cada ano, xestiona a tala e comercialización de entre 50.000 e 60.000 toneladas de madeira. Os dous millóns de euros que supón a venda desa madeira para os seus asociados dá boa proba do peso económico da súa actividade na zona. Actividade que desenvolve baixo os máis esixentes estándares de calidade e respecto medioambiental. Así o acredita o selo FSC, que garante que os seus productos proceden dunha xestión racional e responsable da masa forestal na que conxugan criterios ambientais, sociais e económicos. Un elemento diferenciador que pon en valor a súa producción.

En GalEco, e a nivel doméstico, AGD CyL explicará o seu proceso de producción, pero tamén amosará as ventaxas de recurrir ao pellet como combustible ecolóxico. Válido para calefacción e xerar auga quente sanitaria en vivendas unifamiliares, comunidades de veciños, empresas, industria ou comercios. Así mesmo, ofrece unha doble ventaxa sobre o combustible fósil: Económica, xa que é un 50% máis barata que o gasóleo e recurrindo a eles non se depende dos continuos cambios no prezo doutros combustibles, e medio ambiental, xa que se trata dunha fonte de enerxía renovable, co que se contribúe a rebaixar significativamente a emisión de gases de efecto invernadoiro á atmósfera.

6 de xuño de 2014 | 13:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.