Programa de formación en acuicultura en empresas e institucións de países da UE para alumnos do IGAFA da Illa de Arousa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra aportará 15.000 euros para dotar economicamente Bolsas de Formación no estranxeiro dos alumnos e profesores do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA), situado na Illa de Arousa. Con este fin, a institución provincial asinou un convenio coa Consellería de Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia.

As bolsas incluirán unha máis completa formación de alumnos e profesores do IGAFA en empresas e institucións de países da Unión Europea altamente especializados e avanzados en temas de Acuicultura e Mergullo. Teñen unha duración de 3 meses e a cuantía máxima de cada bolsa non poderá superar os 15.000 euros.

Segundo se establece no convenio, o IGAFA seleccionará aos participantes no programa seguindo criterios pedagóxicos, como o interese do alumno, o seu expediente académico, a súa capacidade para desenvolverse nun país estranxeiro ou os coñecementos da lingua de referencia do país de destino.

No acordo subscrito, a Consellería do Mar _de quén depende o IGAFA_ elaborará o proxecto formativo que desenvolverán os participantes, o supervisa, e lle fai o seguimento.

O Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA) é na actualidade o único centro educativo de Galicia que imparte formación profesional de acuicultura e mergullo. Depende da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro e está cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE).

O IGAFA foi inaugurado en 1992 e entre as súas competencias figuran as ensinanzas para planificar, organizar, xestionar e controlar unha explotación acuícola conseguindo a calidade requirida en condicións axeitadas de seguridade e hixiene.

3 de maio de 2014 | 16:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.