Pontevedra expuxo no principal foro europeo de mobilidade o seu modelo sustentable

Presentación do modelo sustentable pontevedrés
O concepto de “necesidade” dos automóbiles sobrevoou en todo momento o interés dos participantes na intervención do alcalde de Pontevedra no ECOMM, o foro de mobilidade máis importante da Europa, que estes días ten lugar en Florencia. “Na cidade só deben circular os coches que se precisan realmente para a actividade económica, os servizos públicos, os accesos a garaxes, etc”, esa foi a resposta do alcalde a unha das cuestións que se lle prantexaron desde o público: “Se os coches non circulan polas rúas, que fan con eles?”. Lores aclarou que o automóbiles circulan, pero só os que teñen que circular, os que necesitan achegarse a algún lugar para cumplir algunha función concreta.
Tanto o sistema de aparcamento en superficie, caracterizado polos 15 minutos de servizos para todos os coches, como o deseño de bucles circulatorios ou a existencia de aparcadoiros disuasorios perto do centro urbano son as tres principais accións que se decidiron para poñer en práctica o sistema de mobilidade peonil.
Outra das cuestións que levantou a curiosidade dos participantes foi a reacción da cidadanía ante un cambio tan substancial dos ritmos urbanos e da mobilidade en xeral. “Claro que non foi un camiño de rosas —dixo Lores— xuntábanse os medos lóxicos e comprensibles de algunhas persoas, coas actitudes da oposición política, pero houbo un proceso de participación apoiado nos sectores máis dinámicos da poboación, que permitiu ir avanzando no modelo, e hoxe, cando se están vendo os resultados, xa son moitas as persoas que ven a cidade cos novos ollos, como un espazo alternativo e diferente, moito máis saudable, agradable e de alta calidade”.
Este animado coloquio posterior tivo lugar ao remate da conferencia, que foi lida en inglés polo Intendente Principal da Policía Local, Daniel Macenlle, e na que se falou doutro aspecto importante, consecuencia das políticas de mobilidade: o aforro de máis do 60% en combustible en comparación co vello modelo, no que se favorecía o uso do coche para distancias moi curtas e centos de coches circulaban pola cidade con expectativas de aparcamento.
Na mesma sesión de Pontevedra espuxéronse outros dous exemplos de promoción da mobilidade peonil. Un, sobre os plans de vías verdes na Universidade de Catania, e outro sobre a promoción do camiñar no contorno duns 2 km de radio darredor dunha estación de ferrocarril, na cidade de Arhem (interior de Holanda), de 150.000 habitantes.
En canto á intervención da universidade de Catania (Sicilia, 300.000 habitantes), Salvatore Capri baseou a súa intervención na necesidade de dotar os campus e os seus arredores de vías verdes para facer o camiñar máis confortable, xa que o arborado permite un camiñar máis doado aínda baixo o tórrido calor do sur do Mediterráneo.
Pola súa parte, Annemieke Molster está implicada nunha campaña para favorecer o uso do tren nesta cidade holandesa, promovendo itinerarios peonís máis atractivos para que os cidadáns se despracen á estación camiñando desde calquera punto da cidade.











