O I Triatlón Rías Baixas recibe unha achega provincial de 5.000 euros
A Deputación de Pontevedra subvencionou con 5.000 euros a organización do I Triatlón Rías Baixas, que se desenvolveu na fin de semana do 10 de maio en Sanxenxo.
A deputada Ana Isabel Vázquez mantivo hoxe un encontro con responsables da Peña Ciclista Motobike, un dos organizadores da proba e aos que lles comunicou a entrega da antedita achega.
O I Triatlón Rías Baixas resultou un éxito e congregou no concello arousán a uns 350 deportistas, que tomaron a saída no porto Deportivo Xoan Carlos I, para percorrer 1,5 quilómetros a nado, 40 en bicicleta e 10 a pe.
A deputada Ana Isabel Vázquez subliñou o peso crecente do deporte na provincia de Pontevedra, na que non só se están a consolidar eventos deportivos das máis diversas modalidades e cunha gran tradición, senón que cada día xorden novas iniciativas que contribúen a promover a actividade física entre a poboación e que, ao mesmo tempo, exercen como dinamizadores turísticos e sociais das áreas nas que se celebran.
Neste sentido, destacou que a Deputación de Pontevedra xoga un papel fundamental no mantemento da actividade deportiva na provincia, tanto polo apoio que presta a clubs e deportistas, como co patrocinio e promoción de eventos e, incluso, organizando diferentes iniciativas cunha gran capacidade de crear afección e gusto polo deporte, como son as Escolas Deportivas ou a recente posta en marcha de Sendeiros Rías Baixas e Running Rías Baixas.