O alcalde de Pontevedra di en Italia que coa peonalización das cidades gañan todos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorPontevedra
A-
A+

Un grupo de especialistas relacionados co proxecto A Cidade dos Nenos, do Instituto Italiano da ciencia e a tecnoloxía do coñecemento, que dirixe Francesco Tonucci, converteu a experiencia de Pontevedra en protagonista dun seminario monográfico sobre mobilidade infantil, que derivou nunha sesión sobre a mobilidade das cidades europeas, e a necesidade de promover unha diminución do número de coches en circulación.

Foi o propio Tonucci quen na introdución calificou a Pontevedra como a primeira do mundo que levou á práctica a filosofía de mobilidade que permite aos nenos participar con autonomía na socialización, convertindo á cidade en exemplo educador de primeiro orde. Tras presentar ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e ao Intendente Principal da Policía Local, Daniel Macenlle, os participantes puideron ver en principio un vídeo sobre Pontevedra, para introducirense no espazo xeográfico do que falarían durante a mañá.

A experiencia pontevedresa “ocorreu como consecuencia de cambiar a prioridade entre o coche e o peón, unha teoría que vimos anos reclamando, pero que resulta a primeira vez que alguén con valentía a pon en práctica”, dixo o prestixioso pedagogo italiano.

Na sesión participan durante toda a mañá diversos técnicos municipais dos distintos municipios que conforman a cidade de Roma, así como outras persoas chegadas de Turín e Xénova.

Precisamente unha concelleira desta cidade mediterránea de 500.000 habitantes que estaba entre o público, tras felicitar ao alcalde, preguntou retóricamente a Daniel Macenlle se estaba libre para traballar con eles, para máis tarde dicirlle que un dos problemas máis grandes que teñen os políticos italianos para aplicar este tipo de políticas son as resistencias de certos funcionarios públicos.

A cuestión do tamaño das cidades para acometer plans deste tipo tamén protagonizou parte do tempo da exposición pontevedresa, e como sempre Lores razonou que a humanización das cidades grandes debe facerse por distritos. Un exemplo é a propia Xénova, que está composta por 9 áreas ben definidas, de entre 50 e 80.000 habitantes cada unha.

Outra pregunta dun pedagogo ao alcalde foi se como resultado da aplicación dos camiños escolares os nenos facían máis cousas por si sós, como xogar na rúa ou quedar cos amigos no espazo público. “Iso xa o facían antes de desenvolver os Camiños, e continúan facéndoo”, dixo Lores, para extenderse de seguido na descripción das distintas fases da peonalización desde 1999 e as funcións que posteriormente foron adquirindo as rúas e prazas que antes estaban invadidas polos vehículos.

Sobre a pervivencia do modelo cando cambie a orientación política do Concello, Lores reflexionou que aínda que vé técnicamente sinxelo que se poida perturbar cun cambio político, tamén é certo que o sistema peonil xa forma parte da cidade é resultará difícil de cambiar debido a que a cidadanía o ten moi asumido, e volver a unha cidade ateigada de coches provocaría presións da cidadanía e comerciantes.

A autoxestión da cidade tamén formou parte do interés dalgún participante, a quen o alcalde respondeu coas políticas de promoción do comercio de proximidade, a filosofía urbana contraria aos grandes centros comerciais pechados e aillados da trama urbana e aos beneficios ambientais da cidade compacta e agradable.

7 de maio de 2014 | 19:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.