publicidade hoxe

Louzán manifesta o compromiso provincial para participar na remodelación do estadio de Balaídos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, manifestou hoxe o seu compromiso e a disposición da institución provincial para “desde este mesmo momento programar, participar e colaborar economicamente na remodelación da ubicación actual do estadio de Balaídos”.

Louzán expresou este compromiso no acto de sinatura dun convenio co presidente da Fundación Celta de Vigo, Carlos Mouriño, para disputar en Vigo e Pontevedra un torneo clasificatorio para o Mundial de Fútbol sub-20, que terá lugar en Nova Zelandia e no que tomarán parte as selección sub-19 de Lituania, Dinamarca, Alemaña e España.

“Desde este mesmo momento proclamo a nosa disposición e o noso compromiso para elaborar o proxecto, o seu financiamento e as obras”, dixo.

A xuízo de Louzán, na reforma do estadio de Balaídos a fórmula elixida debería ser a mesma que a seguida no estadio de Pasarón, en Pontevedra, “onde o campo tamén é de titularidade municipal, e actuouse bancada a bancada, durante catro anos, para compatibilizar as obras cos partidos de Liga”.

O presidente da Deputación destacou que “aínda que non é bo momento, estou seguro de que se poderá acadar un acordo entre o R.C. Celta, o Concello de Vigo, a Xunta de Galicia e a Deputación para que Vigo e o Celta poidan ter o estadio que eles máis que ninguén merecen”.

19 de maio de 2014 | 18:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.