Gómez Besteiro asegura que sempre actuou conforme á lei
O presidente da Deputación de Lugo e secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou este mércores que “sempre” actuou “conforme á lei” e, de feito, recordou que el mesmo levou “voluntariamente” ao xulgado información sobre a súa situación patrimonial.
Así pronunciouse -a través dun comunicado- despois de que transcendese que a xuíza que instrúe a Operación Pokémon, Pilar de Lara, decidiu o pasado mes de decembro formar unha peza separada centrada no dirixente socialista durante á súa etapa como concelleiro en Lugo.
A este respecto, Besteiro sinalou que o 17 de decembro, ao coñecer polos medios de comunicación que a maxistrada investigaba a súa situación patrimonial, trasladou o xulgado documentación para acreditar que a súa única propiedade é o seu piso coa súa praza de garaxe, que posúe en réxime de gananciais coa súa muller.
“Dende decembro espero que o xulgado poida concluír a súa actuación”, engadiu o líder do PSdeG, antes de indicar que o pasado mes de abril varias persoas que traballaron na reforma da súa casa foron citados a declarar en calidade de testemuñas.
“Non me cabe dúbida ningunha de que (a xuíza) puido verificar a información que, voluntariamente, remitín xa en decembro, e que demostra que sempre actuei conforme á lei”, finaliza o comunicado difundido por Besteiro.
PEZA SEPARADA
Na peza separada, Pilar de Lara inclúe a declaración dun policía local e dun pequeno empresario -ademais dunha dilixencia da Policía Xudicial- realizadas no marco da Operación Pokémon pero que “carecen de relación” con este caso.
Nesas comparecencias, incluídas no sumario, ambas as dúas testemuñas sosteñen que Besteiro non pagou as reformas do seu piso, das que se faría cargo Construcciones Pedrouzo. A maiores, o axente acusa o socialista de xestionar achegas irregulares para o seu partido.