Garántese o cheo para a Gala Lvcvs Moda 2014
A Gala Lvcvs Moda mantén intacto o seu poder de convocatoria. Ó igual que en anteriores ocasións, as entradas dispoñibles para a 5ª edición da cita anual co deseño e a moda lucense están practicamente esgotadas, malia terse posto á venda o pasado 30 de abril, data na que se presentou o evento. O éxito é espectacular, tendo en conta a festividade do pasado día 1 de maio e o domingo, días nos que os establecementos nos que están á venda permaneceron pechados.
Os interesados en asistir ó evento que se celebrará o vindeiro día 7 de maio, ás 21:00 horas, no Museo Interactivo da Historia de Lugo-MIHL, poden facerse con algunha das apenas dúas ducias de entradas que aínda están dispoñibles, ó prezo habitual de 20 euros, nos establecementos dos deseñadores e peluquerías participantes no evento. Hai que lembrar o carácter benéfico desta cita, xa que os cartos recadados destinaranse ó Fogar do Transeúnte de Lugo.
A Gala, que nesta ocasión terá de presentadora á popular actriz Isabel Blanco –herdeira nestas funcións de María Castro en 2010 e 2011; Liborio García en 2012, e Camila Bossa o pasado ano-, conta coa participación directa de máis de 100 profesionais, entre os que se atopan 7 deseñadores, 18 firmas de artesanía de toda a provincia e 14 peluquerías, algunhas das cales debutan este ano.
Debutantes na Gala
É o caso das deseñadoras Teresa Pardo, de Mariola Lulú, que dará a coñecer as súas creacións atemporais, de estética naïf e cunha absoluta importancia da cor; e de Purificación Godoy, de María Tacón, que presentará modelos cos que evoca o pasado sen ningún tipo de nostalxia, con liñas, volumes e texturas atemporais.
Tamén hai artesáns que participan por vez primeira e outros que, se ben son veteráns, nesta ocasión estréanse en solitario. Son Azaia; Carmen Fieiras; Carmen López ou Beatriz Valín. Finalmente, Avalon; O Baúl da Beleza; Marta Campo; Meyva e Vanessa Martínez Estilistas son as peluquerías que debutan este ano. Todas elas forman parte da Asociación Pelirroja, organizadora da Gala.
Participantes veteráns
O resto dos creadores que darán a coñecer as súas creacións son habituais desta Gala Lvcvs Moda, algúns dos cales leva participando initerrompidamente dende a primeira edición ou ben regresan a esta pasarela. Este último é o caso do deseñador Manuel Bolaño, que volve presentando prendas que son bloques de cor e xeometrías, combinando tons escuros e outros máis chamativos coma os laranxas e os rosas.
Veteráns nesta pasarela son Luis Areñas para Manuela López, que nesta ocasión lánzase ó deseño de calzado, con altos zapatos de tacón realizados en vinilo como complemento ás súas prendas cheas de fantasía, realizadas en magníficos tecidos; Inés Penelas, coa súa firma Inpe-Abrigo Verde-SCQ, que presentará prendas realizadas en pel con fantásticos e arriscados deseños; Montse Arias e os seus deseños inspirados na muller galega nunha colección rústica e alegre, e Tina Cortón, cada vez máis preto da creación artesanal, con bordados e tintes feitos a man.
25 colaboradores
Coma xa vén sendo habitual, tamén moitas firmas quixeron colaborar desinteresadamente con este Gala, que se ten revelado como un inmellorable escaparate para dar a coñecer o bo facer destes negocios de toda a provincia, que seguen sumándose á cita.
As 25 firmas colaboradoras nesta ocasión son: Adamascada Personal Shopper, Begano (Coca Cola); Cátering Central II; Deportes Marathon; Dick&Paul; Estrella Galicia; Estudios Abrigueiro; Hasta en un iglú; Hotel Méndez Núñez; IES Muralla Romana; M&N para Joyería Senén; Kubika; La postrería de Noe; Lolita Blu; Messalina; Modesto SantaEularia; Pastelería El Abuelo; Porta Castelli; Ramón rebolo; Restaurante España; Romago Spain; Secretos de Galicia; Torques; Zapatería Cuplé e Zapatería Zhoe.











