Destínanse 3,2 millóns de euros á contratación de persoal para o mantemento de bens e servizos municipais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra pon en marcha unha nova iniciativa a prol do emprego e para facilitarlle ós concellos o mantemento de bens e servizos municipais.

O plan, dotado con 3,2 millóns de euros, permitiralle aos municipios contratar entre 6 e 20 traballadores (en función da poboación) para dar cobertura a necesidades básicas que non poderían atender sen este reforzo de persoal.

A Xunta de Goberno aprobou esta mañá as bases que regularán a concesión destas axudas, que se concederán por concorrencia competitiva, e que os concellos deberán solicitar antes do 4 de xuño.

As achegas, destinadas a todos os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia, permitirán a contratación dunhas 800 persoas desempregadas e sen prestacións, ou con prestacións sociais de subsistencia.

Os contratos serán de 25 horas semanais e terán unha duración de seis meses. En todos os casos, terán que estar formalizados o 1 de xullo deste ano.

Como novidade nesta convocatoria, as bases establecen que, á hora de seleccionar o persoa, os concellos deberán dar prioridade aos candidatos que leven máis de un ano inscritos como demandantes de emprego, que non foran contratados no Concello en 2014, que teñan niveis de renda máis baixa e que teñan cargas familiares.

Desta forma, e tal e como subliñou o presidente da Deputación, preténdese que o plan non só permita dar resposta á necesidade dos concellos de manter servizos básicos, senón tamén atender a aquelas persoas que maiores dificultades están tendo para saír adiante nestes momentos.

A Deputación cubrirá os custes salariais dos traballadores, que deberán terán categoría de operarios. Malia todo, os concellos poderán optar por un perfil máis especializado e de maior categoría profesional, sempre e cando sexan as propias entidades locais as que abonen a diferenza salarial.

23 de maio de 2014 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.