Autónomos e micropemes lucenses poderán apuntarse, ata o 31 de maio, no programa de impulso dos seus negocios
Autónomos e micropemes da provincia poderán inscribirse ata o 31 de maio no programa gratuíto en impulso dos seus establecementos que lles ofrece a Deputación de Lugo, en colaboración coa Escola de Organización Industrial. A institución luguesa amplía o prazo de solicitude do Proxecto de Dinamización do Tecido Empresarial, atendendo ás peticións dos profesionais da provincia. Os interesados poden facer a súa solicitude en www.deputacionlugo.org, ó igual que xa fixeron uns 150 autónomos e micropemes, ata cubrir as 300 prazas dispoñibles. Máis información na propia web ou no 982-26-00-08.
Acceso a mercados nacionais e internacionais, aumento e fidelización de clientes ou melloras organizativas no traballo, son algúns dos beneficios desta iniciativa. Os participantes recibirán asesoramento individual e especializado dun equipo de profesionais sobre xestión comercial, márketing dixital e implantación de novas tecnoloxías.
O programa Proxecto de Dinamización do Tecido Empresarial ofrece os seguintes tipos de asesoramento, a escoller entre os participantes:
– Asesoramento en implantación de novas tecnoloxías: proporanse solucións software de negocio. Por exemplo, implantación de infraestruturas de TIC básica ou avanzada; ferramentas de produtividade, facturación, contabilidade, ERP, CRM, Certificado dixital; cursos de formación no ámbito TIC, xestión de fluxos de clientes…
– Asesoramento en xestión comercial: determinaranse novas liñas de actuación na xestión de mercados e clientes. Por exemplo, novas áreas xeográficas e canles de venda, métodos de captación e fidelización de clientes, medios e ferramentas de promoción on-line…
Ámbolos tipos de asesoramento inclúen accións de mellora encamiñadas a impulsar a estratexia de márketing dixital. Para elo, farase unha completa avaliación das páxinas web (deseño, usabilidade, navegalidade…); do posicionamento nas redes sociais, da reputación online, dos beneficios dun blog, da xeolocalización nas principais plataformas…