publicidade hoxe

Aposta pola cooperación entre os concellos a través dos servizos do CIM

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOrtigueira
A-
A+

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou esta mañá o Centro de Información á Muller (CIM) de Ortigueira, onde recordou que o Goberno galego está a primar nas súas axudas e subvencións a aqueles concellos que aposten pola prestación conxunta de servizos. É o caso de Ortigueira, que a través do seu CIM atende tamén aos concellos de Cariño e Mañón e que o pasado exercicio recibiu por parte da Secretaría Xeral da Igualdade unha achega de 28.000 euros para sufragar os gastos de mantemento. Neste caso, o CIM de Ortigueira conta con dúas traballadoras propias –psicóloga e asesora xurídica- e co apoio dunha traballadora social do concello e do programa de educación familiar.

Acompañada polo alcalde do municipio, Rafael Girón, Do Campo aproveitou para presentar a nove orde de axudas destinadas ás entidades locais para a promoción da igualdade, que contará cunha partida de 3,4 millóns de euros. Este programa ten por obxecto facer efectivo o principio de igualdade entre mulleres e homes, mediante a realización de actuacións dirixidas a favorecer a igualdade de oportunidades e de trato, á conciliación da vida persoal, familiar e laboral, á participación das mulleres na vida política, económica, social e cultural e á erradicación da violencia de xénero.

Tres liñas de actuación

Coñecedores desde o departamento autonómico de que os CIM desempeñan un papel relevante neste senso, a convocatoria contempla un programa concreto destinado ao apoio destes centros. Así, esta liña busca colaborar coas entidades locais no seu funcionamento, coa finalidade de garantir a prestación dun servizo de información ás mulleres e promoción da igualdade, que lles proporcione asesoramento xurídico e psicolóxico; información sobre recursos específicos para mulleres, así como o desenvolvemento de calquera outra actividade que teña como obxectivo prioritario a promoción da igualdade entre mulleres e homes. A contía máxima por este programa é de 45.000 euros, se é de xeito individual, e ata 100.000 euros no caso dunha solicitude conxunta.

Ademais, a orde recolle axudas para o desenvolvemento doutros dous programas de actuación desde os municipios. Por unha banda, serán subvencionables medidas como a elaboración e avaliación de plans de Igualdade, accións de capacitación do persoal municipal ou a realización de actividades de coeducación dirixidas á poboación infantil e xuvenil. Ademais, tamén se contemplarán accións de prevención e tratamento integral da violencia de xénero. A contía máxima que pode recibir unha entidade local nesta liña de axudas é de 10.000 euros no caso de solicitude individual e ata 20.000 euros se é unha solicitude conxunta.

Por outro lado, o terceiro programa é o destinado ao fomento da conciliación, que subvenciona todas aquelas medidas, accións ou programas que os concellos adopten coa finalidade de facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras, como os bancos de tempo ou os plans de programación do tempo das cidades. Neste segundo programa, a contía máxima será de 12.000 euros para as solicitudes individuais e ata 20.000 euros nas conxuntas.

Ao igual que o ano pasado, e coa finalidade de lograr unha xestión eficaz e eficiente dos recursos dispoñibles, darase prioridade as solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local, que recibirán ata 40 puntos por este feito. Os concellos que se agrupen ou asocien deberán presentar un convenio de colaboración relativo a esta agrupación ou asociación. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Do mesmo xeito, as bases reguladoras contemplan a concesión de anticipos de ata o 80 por cento das axudas concedidas, contribuíndo a que as entidades locais dispoñan dos recursos cando realmente os precisan, máxime neste momento coxuntural no que se atopan nunha situación financeira delicada e reciben maior demanda de servizos.

Máis de 190.000 euros para Ferrolterra, Eume e Ortegal en 2013

En 2013, os concellos da provincia da Coruña percibiron axudas da Secretaría Xeral da Igualdade por importe de 1,25 millóns de euros, dos que 190.662 foron para concellos das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

Nestas tres comarcas, 10 concellos beneficiáronse desta convocatoria –Ares, Cabanas, Ferrol, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Pontedeume, As Pontes e Cariño-. Tamén neste caso se reflectiu a cooperación entre municipios, que deu como resultado o agrupamento dos concellos de Ortigueira, Cariño e Mañón.

15 de maio de 2014 | 11:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.