Andainas, ruta BTT e encontro saudable nas VIII Xornadas de Deporte e Saúde de Verín
A oitava edición das Xornadas de Deporte e Saúde continúa este fin de semana en Verín coa realización da ‘II Andaina Solidaria en Familia’, VIII Encontro Deporte e Saúde, VII Marcha Val de Monterrei e VIII Andaina da Eurocidade Chaves-Verín AECT ‘Ruta dos Santuarios’.
– ‘II Andaina Solidaria en Familia’(31 de maio, ás 17.30 horas)
Segunda edición da ‘Andaina Solidaria en Familia’, destinada a recadar fondos para axudar na construción de pozos de auga en diferentes localidades de Níxer. (organizada polos departamentos de Educación Familiar e Deportes do Concello de Verín, xunto con UNICEF España). Unha iniciativa pensada para toda a familia, desde os máis pequenos aos maiores -non hai límite de idade para a súa participación-, e os/as menores poden realizar esta andaina en mochila ou carrito. A saída será ás 17.30 horas desde o Pavillón Municipal de Deportes de Verín e continuará cara a Tintores, onde finalizará a andaina e se realizarán xogos cooperativos para os/as participantes -os/as nenos/as tamén contarán con inchables-. A retirada dos dorsais da proba (necesaria inscrición previa) terá lugar tamén mañá 31 de maio, ás 17 horas, no Pavillón de Deportes (o custe do dorsal é de 1 euro para os adultos e de 0,50 para os/as nenos/as).
– VIII Encontro Deporte e Saúde (31 de maio, ás 18.30 horas)
Iniciativa programada, no complexo deportivo de A Granxa, para asociacións rurais e de mulleres da provincia de Ourense, que desenvolven durante o ano actividades deportivas saudables; así como para socios/as e alumnos/as de cursos de instalacións deportivas e centros sociais, e integrantes de colectivos participantes en actividades específicas como baile, tai chi, pilates, wellness, aeróbic, zumba ou ioga. Durante a mesma, organizada polo Servizo de Deportes do Concello de Verín, terán lugar actividades como obradoiros, exhibicións e master class de pilates, zumba, baile e aeróbic. Por outra banda, e dentro desta iniciativa deportiva, tamén está programada unha Tómbola Solidaria, na que se venderán artigos artesáns elaborados a man, e cuxa recadación será destinada á realización de actividades cos/coas anciáns/as da residencia ‘Hogar de Santa María’.
– VII Marcha BTT Val de Monterrei (01 de xuño, a partir das 9.30 horas)
A sétima edición da proba ciclista de BTT, con saída no complexo deportivo de A Granxa, está conformada por dúas rutas (60 e 35 quilómetros), ademais dun paseo de 22 quilómetros. A retirada de dorsais terá lugar o propio día 01 de xuño, a partir das 8 horas, mentres que a saída está prevista ás 9.30 e a chegada dos últimos participantes sobre ás 13.45, seguida dun xantar conxunto (para participar nesta iniciativa foi necesaria inscrición previa). Organizada por BTT Verín, coa colaboración do Servizo de Deportes do Concello de Verín e o PCT Puertas de Galicia.
– VIII Andaina da Eurocidade Chaves-Verín AECT ‘Ruta dos Santuarios’ (01 de xuño, ás 09.30 horas)
A Eurocidade Chaves-Verín AECT promove a oitava edición das súas andainas, co obxecto de incentivar a práctica deportiva física, promover a beleza paisaxística e ambiental do territorio, así como estreitar lazos de unión e convivencia entre flavienses e verineses. Percorrido de 11 quilómetros polo Santuário de N.ª Sr.ª das Necessidades e do Engaranho, en Castelões, N.ª Sr.ª da Aparecida, en Calvão, e finalización no de S. Caetano, en Ervededo (dificultade media). A saída do autobús está prevista ás 08.45 horas (hora española) desde a praza do Concello de Verín e o inicio da andaina será en Castelões, ás 09.30 horas (hora española), xunto á sede da Associação Cultural e Desportiva de Castelões, mentres que a chegada a S. Caetano está prevista ás 12 horas (hora española), onde terá lugar un reforzo alimentario saudable a cargo do nutricionista das Termas de Chaves – SPA do Imperador (necesaria inscrición previa para participar na andaina). Organizada pola Eurocidade Chaves-Verín AECT, Conta coa colaboración da Associação Flaviense de Caminheiros, Asociación de Sendeirismo Ruta das Augas, Multisport Verín, Termas de Chaves – SPA do Imperador, União de Freguesias de Calvão e Soutelinho da Raia, Freguesia de Ervededo, Bombeiros Voluntários de Salvação Pública e Cruz Vermella Monterrei.
As VIII Xornadas de Deporte e Saúde de Verín foron creadas co fin de desenvolver políticas activas para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas, promovendo a saúde a través dunha alimentación saudable e a práctica de actividade física regular.











