A restauración do cruceiro de Lestón concluirá na fin de semana

Tarefas de restauraciónA
As actuación dirixidas a restaurar o cruceiro de Lestón –precisamente situado no núcleo de O Cruceiro, lugar que debe o seu nome a este elemento do patrimonio municipal- concluirán durante esta fin de semana, previsiblemente mañá sábado se as condicións climatolóxicas así o permiten.
O proxecto foi promovido polo Concello da Laracha co propósito de mellorar as calidades tanto estruturais como estéticas do cruceiro, que presentaba as lóxicas deterioracións de tipo erosivo por causa da incidencia de factores atmosféricos ao longo dos anos.
Os traballos que se están a desenvolver e que se atopan na súa fase final priorizan a conservación sobre a restauración, empregándose materiais e métodos que respectan o aspecto orixinal do cruceiro para que mellore na súa aparencia, pero sen perder a súa identidade.
Durante os últimos días foi eliminado o cemento existente no pedestal e substituídas as pedras que presentaban unha maior deterioración por outras das mesmas características. As obras concluirán coa completa limpeza por medios manuais de todos os elementos do cruceiro –eliminándose a materia vexetal- e a reparación das gretas que presenta en determinados puntos, principalmente da súa base. Os traballos realízanse co coidado e delicadeza que require unha obra destas características.
Finalmente, o custo total da actuación situarase en torno aos 3.000 euros, incluíndo o custo tanto dos traballos que están a piques de rematarse como da elaboración dos diferentes proxectos e informes requiridos pola Dirección Xeral de Patrimonio.
Coa restauración do cruceiro o Concello da Laracha completará as actuacións previstas nesta zona de Lestón, onde recentemente foi creada unha praza pública que precisamente é presidida polo emblemático elemento do patrimonio histórico-cultural municipal, sendo aínda a día de hoxe un punto de referencia para os veciños da parroquia por formar parte da ruta da procesión que os devotos realizan cada ano durante a celebración das festas na honra ao Santísimo Sacramento.
José Ramón Martínez Barbeito, primeiro tenente alcalde da Laracha, desprazouse ata o lugar no que se están desenvolvendo os traballos, onde se reuniu coa directora do proxecto –co obxecto de coñecer persoalmente o resultado das actuacións realizadas- e tamén con veciños usuarios precisamente da nova praza de O Cruceiro.











