A Deputación de Pontevedra oferta 40 prazas de formación práctica para a inserción laboral de desempregados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra abriu esta semana o prazo para optar a 40 prazas de formación práctica no ámbito da atención sociosanitaria, de dinamización de tempo libre e de limpeza de superficies e edificios.

As prácticas, que se desenvolven no marco do proxecto aQuelando3, van dirixidas a desempregados de calquera dos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes e buscan facilitar a súa inserción laboral por medio da adquisición da experiencia necesaria en empresas e entidades do ramo de actividade para o que se formaron.

Así, ofértanse 300 horas de prácticas nas especialidades de atención sociosanitaria a persoas no domicilio, atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais e dinamización de actividades de tempo libre infantil e xuvenil.

Os interesados en participar, que deberán ter formación teórica regrada ou ocupacional dun mínimo de 200 horas na especialidade de limpeza e de 300 horas para o resto de especialidades, dispoñen ata o 30 de maio para presentar as súas solicitudes e poder beneficiarse destas prácticas formativas.

A adxudicación das bolsas farase por medio dun proceso selectivo que realizará o persoal técnico do proxecto aQuelando3, e as empresas nas que desenvolverán as prácticas adxudicaránselles en función da especialidade elixida e do concello no que residan, tendo en conta o criterio de proximidade.

Durante o tempo de realización das prácticas poderase cobrar unha bolsa de axuda á formación por cada día de asistencia.

Ademais das prácticas, as persoas seleccionadas terán que realizar 20 horas de formación transversal, na modalidade a distancia, en materias como igualdade de oportunidades, novas tecnoloxías da información, medio ambiente e fomento da non discriminación e da loita contra a exclusión.

14 de maio de 2014 | 19:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.