A Deputación de Pontevedra levará a pleno unha moción de apoio ós traballadores de Tafisa e de Construcciones Crespo
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, mantivo hoxe sendas xuntanzas cunha representación de traballadores de Tafisa e de Construcciones Crespo afectados polo cese de actividade das empresas.
No caso de Tafisa, os traballadores informaron ao presidente da intención da empresa de iniciar un diálogo o vindeiro martes coa representación social para acadar acordos que axuden a mitigar os efectos da interrupción da actividade produtiva da planta de Pontecaldelas.
Louzán destacou a complicada situación laboral en que quedarán moitos traballadores maiores de 50 anos e acordou estudiar conxuntamente cos traballadores a legalidade do acordo que levou ao Plan de Viabilidade e o traslado da empresa “pois, en principio, debería esixir garantías a este grupo portugués (Sonae Industria) que recibeu diversas axudas públicas a través do Igape e se viu favorecido por unha recalificación do Concello de Pontevedra nas marismas do Lérez”. Según Louzán, ambas cuestións _o Plan de Viabilidade e as axudas concedidas_ deberían servir para demandar responsabilidades a Tafisa.
O presidente da Deputación indicou que no vindeiro pleno da Corporación Provincial pediráse a todos os grupos un posicionamento claro sobre Tafisa para que se recuperen os postos de traballo.
Respecto de Construcciones Crespo, Louzán afirmou que a Deputación só mantén con esta empresa unha obra en proceso en Baiona da que restan 200.000 euros por executar e dixo que a Mancomunidade de O Condado debía á empresa algunha cantidade. “A prioridade é que os traballadores perciban as dúas nóminas que teñen pendentes, así como a liquidación, e que non perdan os seus postos de traballo”, afirmou.











