4.250 persoas visitaron a mostra “Historia do tren de xoguete español” no Edificio Sarmiento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A exposición Historia do Tren de Xoguete Español aberta ao público no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra está a bater récords de visitantes, e nos 20 primeiros días desde a súa inauguración foron xa 4.250 as persoas que pasaron polas salas do Museo para disfrutar desta colección de xoguetes ferroviarios.

Trátase da maior mostra de xoguetes aberta ao público en España na actualidade e que poderá contemplarse aínda ata o vindeiro 18 de maio.

Nela non só poden observarse unhas 300 pezas relacionadas co mundo do ferrocarril -desde trens, estacións gardaagullas, vías, indicadores de dirección e un longo etcétera- senón que se complementa con recortes de prensa de finais do século XIX e principios do XX, que permiten rememorar a chegada do tren a Pontevedra o 16 de maio de 1884, fai agora 130 anos.

Actividades paralelas

Pero non só os diferentes xoguetes expostos, senón tamén as actividades paralelas organizadas están a ter un gran éxito,  como as viaxes nun tren turístico que simula aos empregados no século XIX e que permite aos viaxeiros percorrer as zonas de Pontevedra polas que transcorría a vella vía do tren.

As 6 viaxes realizadas ata o de agora contaron cun cheo total e o mesmo se agarda para as previstas para o 16 de maio, cando terá lugar o último destes percorridos, coincidindo ademais co 130 aniversario desa entrada en Pontevedra do primeiro ferrocarril.

En canto aos máis pequenos, o Museo puxo en marcha especialmente para eles un tren que percorre a zona acristalada do Sexto Edificio e que se suma ao atractivo que xa de por si teñen para os cativos os xoguetes da exposición.

3 de maio de 2014 | 14:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.