Uns 60 alumnos franceses participaron nas visitas didácticas da Fundación TIC

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

Dous grupos de alumnos de secundaria de Francia visitaron esta semana as instalacións da Fundación TIC. Este venres foron os estudantes do Lyceé Saint Sauver de Redon, na Bretaña, e o luns os do Lyceé Jean Daudet de La Rochelle, na rexión de Poitou-Charentes.

Na visita de hoxe participaron 32 estudantes de 16 anos e 4 profesores de Redon, que están en Lugo con motivo dun intercambio de estudos co colexio San José de Lugo. Durante a actividade didáctica, coñeceron de primeira man todo o proceso para a realización dun programa de televisión e presentaron un Ticodiario, un informativo que inclúe noticias reais e unha enquisa realizada polos propios alumnos. Ó final da visita, cada un deles levou unha copia do programa.

O grupo do luns, de La Rochelle, formado por 30 alumnos de entre 15 e 17 anos e 4 profesores, tamén coñeceu a función de cada departamento dun medio audiovisual e participaron activamente na execución do Ticodiario.

Centros educativos de toda a provincia

Os Ticodiarios forman parte do programa de visitas á Fundación e teñen por obxectivo abrir as súas portas á sociedade e achegar o uso das novas tecnoloxías ós máis novos dun xeito lúdico. Os destinatarios son nenos e mozos que, deste xeito, poden coñecer o traballo que desenvolve a TIC así como os ciclos de Realización e Produción que imparte a Escola de Imaxe e Son (EIS), o único centro da provincia con ensinanzas superiores da rama audiovisual. No que vai de ano, 26 centros educativos de primaria e secundaria participaron nesta iniciativa da TIC e outros 11 máis terán a oportunidade de facelo antes do remate o curso escolar.

11 de abril de 2014 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.