Phänomenta é a nova proposta do centro comercial As Termas para achegarse á ciencia de xeito lúdico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, participou hoxe na apertura da mostra Phänomenta, instalada no centro comercial As Termas e que pretende ser unha aproximación á ciencia de xeito lúdico e experimental, unha invitación especialmente atractiva para os escolares.

Phänomenta, participa e experimenta inclúe 23 actividades para que o público poida interactuar con todos os sentidos realizando os distintos experimentos. Permanecerá no centro comercial ata o día 19 de abril, e os días 10 e 11 estarán dedicados aos colexios e centros educativos da provincia de Lugo.

Así, durante esas xornadas organizaranse visitas con grupos de escolares, que estarán acompañados por un monitor que lles explicará os resultados e reaccións nas distintas actividades. Os contidos son particularmente axeitados para os alumnos e alumnas de quinto e sexto curso de primaria.

Arias aplaudiu este tipo de accións de promoción comercial “que son á vez lúdicas e didácticas” ao tempo que “axudan a fomentar o consumo”. “Confiamos en que este tipo de iniciativas de dinamización do comercio dean resultados positivos e signifiquen un aumento das vendas, e, por extensión, a xeración de máis empregos no sector”, apuntou.

A delegada lembrou “o peso específico que ten para Lugo o sector do comercio”. En concreto, segundo indicou, o grupo do comercio, transporte e hostalería aporta ao PIB provincial algo máis do 18%, “e cabe sinalar que é a comarca de Lugo a que aporta case a metade do movemento económico deste sector na provincia, un 45%”.

10 de abril de 2014 | 16:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.