O Centro de Raqueta Santa Uxía consolida a súa ocupación dous meses despois de abrir

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia-
A-
A+
Usuarios no Centro da Raqueta

Usuarios no Centro da Raqueta

Dous meses despois da apertura de portas do novo Centro de Deportes de Raqueta Santa Uxía, a instalación situada a carón da praia de Coroso está a rexistrar xa un incremento exponencial en canto á súa ocupación. E é que ademais das parellas que alugan a título particular algunha das catro pistas de pádel ou a pista de squash a que dá cabida esta infraestrutura, sucédense os cursos e campionatos que contribúen a difundir o uso deste novo servizo municipal.

Neste senso, cómpre salientar que as clases de iniciación e perfeccionamento de pádel para nenos e adultos que convocou o Concello no mes de marzo cubriron as prazas ofertadas e son un total de cincuenta os usuarios que, cunha frecuencia de dúas veces á semana, ocupan o pavillón para asistir ás clases impartidas pola empresa Pádel Punto Pelota.

Prácticas escolares

De igual xeito, tres días á semana (mércores, xoves e venres) máis de 100 alumnos do colexio Galaxia acoden ao Centro de Raqueta para iniciarse no pádel no marco dunha campaña de promoción deportiva.

E polo que se refire a competicións, a ACD As Miñoteiras organizou durante os días 17 e 18 de abril o trofeo Primavera, no que participaron 16 parellas, con victoria para Julio/Tucho ante Andrés/Pedro por un resultado de 6-3 e 6-2. Na final de consolación, Óscar/Vendabal derrotaron a Pepe/Chema por 6-2 e 7-5. Os vencedores recibiron trofeos e material deportivo doado pola empresa Náutica A Poutada.

Numeroso público presenciou un torneo que contou cun vistoso partido de exhibición no que os locais Pablo Lijó (que se vén de proclamar recentemente campión galego sub 23 e lidera o ranking autonómico absoluto) e Álex Muñiz venceron a Augusto Bandín e Álex Silva (fillo este último do vilagarciano Claudio que defendeu durante moitas tempadas a portería do Sporting de Xixón na Primeira División de Fútbol).

Así mesmo, a pasada semana rematou o campionato de liga feminino organizado pola asociación As Miñoteiras, con triunfo do equipo formado por Martina/Merche/Estela. A dupla Marian/Lucía ocupou o segundo posto tras acabar igualada a puntos e decantar a competición para as primeiras o enfrontamento particular.

Campionato mixto

Esta mesma semana dará comezo un campionato mixto no que están inscritas 13 parellas. Ao igual que os certames anteriores, a organización corre a cargo de As Miñoteiras, con colaboración do Concello e do Club de Pádel Riveira.

Por outra banda, cómpre informar de que o vindeiro mércores activarase un innovador programa informático específico para o deporte do pádel que permitirá, por vía telemática, total liberdade aos usuarios para reservar as pistas no horario que máis lles conveña, organizar enfrontamentos entre eles, abonar o prezo de aluguer, etc…

24 de abril de 2014 | 13:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.