O alcalde do Carballiño responde á carta remitida pola RAG sobre a inclusión da palabra “pulpo” no diccionario galego
O alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes, quere agradecer por medio da presente nota a amable carta que recibiu do presidente da RAG, don Xesús Alonso Montero, na que lle comunica a decisión tomada polo plenario da Academia diante da súa solicitude de inclusión da palabra pulpo no dicionario da RAG e na que tamén recoñece o importante e documentado traballo que se presentou coa citada solicitude.
Non obstante, este alcalde ten que lamentar a decisión do plenario da Academia de non incluír dita palabra no dicionario. Diante disto, unha vez escoitadas as opinións do equipo do Instituto de Estudios Carballiñeses que redactara o informe adxunto á solicitude, quere facer as seguintes puntualizacións ó comunicado emitido pola Academia:
1. O breve comunicado feito público pola RAG, na realidade, non contesta ningún dos argumentos que se presentaron en favor da inclusión de pulpo.
2. Dicir, como se di, que polbo é voz patrimonial galega documentada amplamente desde a época medieval e viva na fala actual é coma non dicir nada. Ninguén cuestionou tal cousa; ó contrario, o mesmo se recoñece no propio informe enviado á RAG. O único que cabe soster é que pulpo está tan documentada coma polbo desde a época medieval, coa diferenza que pulpo aparece antes e está máis viva na fala. E o de que “polbo está consolidada no uso escrito” é certo, pero xusto desde que se eliminou pulpo do galego normativo no ano 1983.
3. Con respecto ás dúbidas que parece suscitar o carácter patrimonial de pulpo, resulta cando menos curioso que non se concrete ningunha. E cando se di que “a palabra pulpo é moi utilizada na fala actual”, ocúltase que tódolos datos dos que se dispón indican que pulpo sempre foi utilizada tanto ou máis ca polbo; non agora: sempre! Lémbrense os máis grandes escritores do século XX como Otero Pedrayo, V. Lamas Carvajal, Ánxel Fole, Álvaro Cunqueiro, Vicente Risco, Xaquín Lorenzo, Ramón Cabanillas, Eduardo Blanco Amor, X. Taboada Chivite… que utilizaron maiormente a palabra pulpo.
4. Fronte a esas dúbidas sen concretar da Academia hai unha realidade indiscutible: pulpo aparece en documentos galegos anteriores a calquera interferencia do castelán, e non se trata, polo tanto, dun castelanismo. Aínda máis, as primeiras referencias documentais de pulpo na península pasan a ser agora as galegas.
5. O que si resulta dubidoso, no que se refire ás razóns, é que os académicos, cun simple comunicado que non argumenta nada, poidan eliminar da lingua unha palabra viva que o pobo vén utilizando con continuidade desde as primeiras etapas de formación do idioma. Nesa concisa nota perdeuse de vista o dato fundamental do argumentario do Instituto de Estudios Carballiñeses, para o que se esperaban demostracións e argumentos explícitos da RAG unha vez que foi rexeitado.
6. Coseriu, o gran teórico da lingüística, definía o correcto na lingua como: “aquilo que se di, alí onde se di e alí onde cabe dicilo”. Moitos galegos dicimos pulpo en Galicia, porque cabe dicilo: porque así xa o dicían os nosos antergos de hai mil anos e porque nunca se deixou de dicir así. Outros galegos din polbo, porque tamén cabe dicilo, e nós respectámolos. Pero, teriamos que renunciar nós ó nóso xeito de falar porque os casteláns tamén digan pulpo ou porque outros galegos digan polbo? Non sería xusto!
ESTE É O COMUNICADO DA RAG
Comunicado da Real Academia Galega sobre a escolla pulpo/polbo
A Real Academia Galega ratifícase na súa escolla de polbo como forma normativa recomendable, tal como estableceu xa no seu Vocabulario ortográfico da lingua galega no Dicionario da lingua galega, polas seguintes razóns:
1.- Non hai ningunha dúbida de que polbo é voz patrimonial galega, que está documentada amplamente desde a época medieval e viva na fala actual.
2.- A palabra pulpo, moi utilizada na fala actual, suscita dúbidas sobre o seu carácter patrimonial.
3.- Un dos criterios establecidos para a escolla entre formas léxicas para a variante normativa do galego é que “entre dúas voces ou variantes concorrentes, unha das cales é indubidablemente galega e diferencial e a outra dubidosa, escóllese a primeira”.
4.- A palabra polbo, diferencial e galega, e consolidada actualmente no uso escrito, presenta continuidade cara ao sur no portugués polvo.











