Emilio Grandío pide un esforzo por contextualizar a II República porque “non é a causa da Guerra Civil”
A Casa da Cultura de Lousame acolleu na noite de onte unha conferencia do historiador Emilio Grandío, profesor titular do Departamento de Historia Contemporánea e América da Universidade de Santiago de Compostela, para conmemorar o 83 aniversario da proclamación da Segunda República. Un acto no que estivo acompañado pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, quen lamentou “non poder contar hoxe con alguén que nos fale da II República no concello de Lousame. Teremos que agardar a outra ocasión”.
Emilio Grandío indicou que todo o relacionado coa Guerra Civil “é un trauma que non está pechado, sobre todo porque as vítimas aínda seguen nas cunetas” e criticou o que denominou “politización do pasado”. “Necesitamos coñecer o noso pasado para poder avanzar. E non quedarnos nos catro tópicos”, apuntou o historiador.
De feito, durante toda a conferencia Grandío insistiu en que “a proclamación da II República foi algo alegre, dinámico, cheo de luz. Non foi un golpe de Estado, aínda que tamén tivo as súas cousas escuras”. De feito, fixo especial fincapé en que “a II República non é a causa da Guerra Civil, son períodos totalmente distintos. Explicar isto é o que lle falta á nosa sociedade porque a nosa percepción sobre a República está moi contaminada pola Guerra e porque o Franquismo sempre usou á República como xustificación do seu golpe”.
Contextualizar
Por iso, Grandío instou aos presentes a contextualizar a II República non só no ámbito de España, senón no ámbito europeo, onde xurdiron diferentes repúblicas noutros tantos países, moitas das cales foron derrubadas polo ascenso do fascismo. “A República foi unha alegría social para moita xente. Dicirlle a unha muller no 1929 que ía poder votar no 1933 era algo incrible. Dicirlles á xente no 1930 que ían ter unha rede de ensino como a que propugnou a República era algo impensable”, explicou o historiador quen fixo un chamamento final ao debate: “o debate é absolutamente necesario. Temos que poder falar de todo e, sobre todo, temos que contextualizar a II República”.
Emilio Grandío explicou que “a Segunda República segue a ser unha grande descoñecida para boa parte da nosa sociedade” e considera que “máis de oitenta anos despois da proclamación do réxime republicano, os historiadores non podemos chegar tarde á súa interpretación. Explicar a historia da Segunda República debe ser acometida dende o entendemento conxunto dos anos trinta, non dende a censura de 1936, final e principio da maioría da narrativa historiográfica cando abordan estes anos”. O historiador coruñés insistiu en que “sen a explicación do que significaron estes anos trinta, sen aludir a aquel contexto dinámico e cruel, mais tamén apaixonante e cargado de esperanza, non entenderemos nunca o que viviron os homes e mulleres galegos da Segunda República”.
Así mesmo, Grandío comparou a II República con outro dos períodos, pola contra, máis admirados da historia recente: a Transición. “O réxime democrático actual baseouse na amnesia. Quizais foi o mellor naquel momento, pero temos que saír desa amnesia”, apuntou. Ademais, amosouse convencido de que “somos quen de facer transicións pacíficas. Había moita máis violencia nas rúas no 1975 ca no 1931”.
Pola súa banda, Teresa Villaverde compartiu a opinión de Grandío sobre a necesidade de coñecer o noso pasado e pechar definitivamente ese trauma, “pois do contrario seguirá presente nos nosos fillos e nos nosos netos”. Por iso, Villaverde considerou que é preciso “traballar dende a conciliación, porque do contrario non hai camiño posible”.
O acto rematou cun adianto dun vídeo sobre os defensores da II República en Galicia represaliados pola Ditadura Franquista na que distintas persoas contaban ese drama en primeira persoa. Ademais do caso dun veciño de San Finx, xa incluído no vídeo, a montaxe final incluirá os testemuños doutras dúas veciñas de Lousame.
Relator
Emilio Grandío Seoane (A Coruña, 1967) é profesor titular de Historia Contemporánea e de América da Universidade de Santiago de Compostela. Doutorado en Historia en 1995 coa tese “La CEDA en Galicia 1931-1936”, é especialista na Segunda República e na Guerra Civil. Actualmente traballa sobre a intervención exterior, a clandestinidade e a represión política no noroeste da península ibérica tras a Segunda Guerra Mundial; sobre o nacionalismo e a sociedade civil no século XX; sobre a evolución do exilio español durante o franquismo; e sobre a traxectoria política da UCD en Galicia durante os anos da Transición.
Entre as súas obras destacan “Los orígenes de la derecha gallega. La CEDA en Galicia (1931-1936)” (1998); “Años de Guerra. A Coruña, 1936-1939” (1999); “Caciquismo e eleccións na Galiza da II República” (1999); “A Segunda República en Galicia. Memoria, mito e historia” (2010); “Casares Quiroga. La Forja de un Líder” (2011); “Vixiados” (2011); “War Zone. La II Guerra Mundial en el noroeste de la Península Ibérica” (2012); “Represión y clandestinidad política en el noroeste de la Península Ibérica (1945-1953)”, (2013); ou “Derribar a Franco” (2013). Ademais, coordinou diversos monográficos en revistas especializadas, como o dedicado á Segunda República en Hispania Nova (2013).











