“As escolas da emigración” do Consello da Cultura Galega cataloga 7 escolas de indianos en Lalín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocal Portada
A-
A+

As que están destinadas actualmente a centro social son as antigas escolas de Alemparte, Galegos, Soutolongo e Vilanova, mentres que a antiga escola “Ramón González Vigide” de Gresande é hoxe en día un domicilio privado // Non se conservan o antigo Hospitalillo de Lalín que se derrubou alá polos anos 50 para construír nel un instituto de capacitación agraria e a escola “Manuel Curros Enríquez” de San Martiño de Prado que foi derrubada a comezos dos 70 para erguer o actual colexio público // Todas as escolas foron construídas na década dos 20 do século XX agás a de Galegos que data de 1930 // “As escolas de emigración” proxecto desenvolto polo Consello da Cultura Galega en colaboración coa Secretaría Xeral de Emigración da Xunta é un dos estudos máis amplos e minuciosos sobre o labor da emigración en América que está dispoñible para consulta en http://mapas.consellodacultura.org/escolas/

Das 7 escolas que chegou a haber en Lalín fundadas por lalinenses establecidos en América, actualmente consérvanse 5, 4 destinadas a centro social das respectivas parroquias nas que están asentadas, mentres que 1 agora é unha vivenda particular. As dúas que se perderon no decorrer do tempo foron o Hospitalillo de Lalín cuxo edificio foi derrubado en 1952 para construír, no solar no que estaba emprazado, o instituto de capacitación agraria, e a segunda, a escola “Manuel Curros Enríquez” que funcionou na parroquia de Prado, e cuxo inmoble foi derrubado a comezos da década dos 70 para levantar o actual colexio público de Prado.

Así se recolle en “As escolas da emigración”, un proxecto do Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega e da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia, desenvolto para recuperar o amplísimo legado educativo da emigración e poñelo en valor nos nosos días.

Precisamente no marco do dito proxecto enmárcase a exposición “Luces de Alén Mar”, un percorrido polas escolas de americanos en Galicia no centenario fundacional das sociedades galegas de instrución radicadas en América que, cedida polo Consello da Cultura Galega ao Concello de Lalín se puido ver desde o 14 de marzo -data na que foi inaugurada coa presenza da responsable municipal de Cultura, María Álvarez, e do tenente alcalde, Román Rodríguez- ata hai á penas uns días, onde estivo exposta no Auditorio Municipal.

Ao longo do mes de permanencia en terras lalinense esta completa e interesante mostra foi visitada por diverso público, sobre todo alumnado que a cotío acode ao Conservatorio Profesional de Música sito no dito edificio municipal así como por alumnado de centros educativos, sumando en total preto de 700 visitas.

EXPOSICIÓN “LUCES DE ALÉN MAR”

En “Luces de Alén Mar” pódense ver, no que respecta a Lalín, planos do proxecto para a construción do Hospitalillo de Lalín, fotografías de Hijos del Partido de Lalín en La Habana do ano 1910 e da casa-escola de Alemparte, así como un mapamundi realizado por Rosa Vázquez, unha das alumnas desas escolas de indianos que reproduce o vóo entre Palos e Plata e que se atopou no Centro Lalín da capital bonaerense, mapa que aparece publicado no libro “Lalín-Bos Aires: unha historia compartida”, realizado por Román Rodríguez e Xosé Manoel Núñez Seijas en 2001, que deu lugar a unha exposición co mesmo nome.

 A dita exposición é un recurso didáctico e educativo que está a disposición de calquera persoa interesada na mediateca do Consello da Cultura Galega, e que se pode consultar a través do enlace http://www.consellodacultura.org/mediateca/documento.php?id=1841 .

No tocante ao proxecto “As escolas da emigración” do Consello da Cultura Galego -no que se encadra a dita exposición- inclúe tamén unha web propia na que se recolle, por exemplo, que todas en Lalín todas as escolas financiadas con achegas de lalinenses emigrados en América se levantaron na década dos anos 20 do século XX, agás a de Galegos que data do 1930. A máis antiga corresponde a antiga escola “Ramón González Vigide”, en Gresande, cuxo proceso edificatorio se remonta a 1922.

ESCOLA POR ESCOLA

* Alemparte

A casa-escola de Alemparte, emprazada na parroquia de Santa María de Alemparte foi inaugurada o 25 de abril de 1928 como centro de ensino primaria e vivenda do mestre. Actualmente dedícase a local social para uso dos veciños.

Trátase dun edificio de dous andares de planta rectangular, construído en cachotaría regular e con cuberta de tella a dúas augas. Na fachada posterior conta con escaleiras de pedra, de tiro e tramo únicos, que daban acceso ao primeiro andar, onde estaba a vivenda do mestre.

Na fachada principal atópanse os escasos elementos ornamentais do dito centro: a cantaría é empregada como un elemento decorativo nos vans e nos esquinais. No primeiro andar hai un balcón de pedra pétreo. O lintel da fiestra conta con tres molduras, das que a central lembra un falso capitel. A fachada está coroada por un frontón de forma semicircular con formas antropomorfas, está presidido pola cabeza dunha muller e flanqueado por dúas columnas con forma de figuras humanas. Un frontón realizado polo canteiro e artista local,  Vidal Payo Fernández, nado o 16 de xuño de 1915 en Alemparte na que, sen dúbida, foi unha das súas primeiras obras, deste gran mestre autodidacta.

A dita escola de Alemparte foi construída por iniciativa dos veciños da parroquia que, ante as malas condicións do local onde estaba instalada a escola nacional e a dimisión da mestra por este motivo, decidiron en 1927 solicitarlles axuda aos seus veciños de Cuba para construír unha nova. Ao seu chamamento responde o Club Lalín que envía unha subvención de 1.000 pesetas para mercar material e iniciar as obras.

“El trabajo es duro. Un vecino cantero dirige la obra hasta el final y en ella ponen todos sus afanes. Falta la obra de carpintería y los carpinteros tienen que venir de afuera. Regalan cada uno la madera que puede, les pagarán con las mil pesetas y les dará cada vecino, por día, de comer y albergue”. Esta reseña relativa á construción da dita escola foi publicada por El Pueblo Gallego en 1928.

Desde a súa entrada en funcionamento en abril de 1928 contou cunha soa aula, de carácter mixto, situada na planta baixa. Funcionou como centro educativo da parroquia moitos anos e actualmente é un local social para goce dos veciños, recentemente rehabilitado xunto con outros dentro dos obradoiros de emprego desenvoltos polo Concello de Lalín.

*Galegos

No lugar de Galegos, parroquia de San Miguel de Galegos, está situada a antiga escola de Galegos, que inaugurada en 1930 funcionou como centro de ensino primario e vivenda do mestre ata que nos últimos anos foi rehabilitado e agora funciona como local social para os veciños.

É un edificio dunha soa planta de forma rectangular, construído en cachotería irregular sobre un baseamento de cemento para salvar o desnivel do terreo. Ten cuberta de tella a catro augas en roda. Non tiña elementos ornamentais, agás o uso da cantaría nos remarques dos vans.

Contaba só cunha aula de carácter mixto á que se accedía por unha porta na fachada principal. No lintel da porta había unha inscrición que hoxe non é lexible. A zona escolar estaba separada por un muro de pedra recebado da vivenda do mestre, que estaba situada no outro lateral.

* Soutolongo

Os irmán Manuel, Antonio e Benigno González Gamallo foron os principais artífices na construción da casa-escola de Soutolongo. Hoxe centro social “A nosa escola” coa dobre función de centro sociocultural e colexio electoral, no pasado foi centro de ensino primario e vivenda do mestre.

Inaugurada en 1926 o edificio consta dunha soa planta de forma rectangular, cun pequeno engadido de forma prismática. Ten cuberta de tella a catro augas en roda. Está construído en cachotaría irregular sobre un baseamento para salvar o desnivel do terreo que xera un semisoto. Empregouse a cantaría nos remarques dos vans e nos esquinais, así como para algúns elementos decorativos.

A fachada principal sobresae pola súa sinxeleza e simetría, cunha porta principal precedida dunha rampla delimitada por balaústres pétreos que serven de adorno. Esta porta é de madeira e ten dúas follas xeométricas e sobre o lintel hai unha especie de frontón triangular, rematado nunhas volutas, que realza a entrada. Ao seu carón consérvase unha placa conmemorativa de mármore coa seguinte inscrición: “Los hijos de Sotolongo agradecidos a la familia González Gamallo fundadores de esta escuela – 1926”.

A escola foi inaugurada en 1925. Os seus promotores entregáronlle o edificio escolar ás autoridades educativas da provincia para que se encargasen do seu funcionamento. Nun principio, tiña dúas aulas, para os nenos e nenas da parroquia, con entradas independentes polos laterais; posteriormente, a zona da aula do lateral dereito foi habilitado como vivenda do mestre. A revista “Céltiga” informaba sobre este centro educativo: “está destinado a escola mixta, niñas y niños, con dos amplias aulas separadas, dotado de excelentes condiciones de confort e higiene, de material docente moderno y complejísimo. El Estado costeará el maestro y ayudante. Todo lo demás pertenece al cuidado de los donantes”.

A escola contaba cun amplo terreo achegado por un muro con balaústres de pedra e reixas de ferro. Este muro tivo que ser retirado uns metros pola construción dunha estrada diante da escola, que perdeu parte dos terreos. No recinto escolar había unha construción independente. Un alpendre con cuberta de tella a dúas augas e unhas columnas a modo de soportal, que era usado polo rapaces nos creos cando chovía. Funcionou como centro educativo ata 1970 cando o Estado realizou a concentración dos grupos escolares. Actualmente é centro sociocultural.

*Vilanova

Inaugurada o 1 de decembro de 1928 a antiga escola de Vilanova destinouse a centro de ensino primario. Actualmente é centro social para uso da veciñanza. É un edificio dunha soa planta, de forma rectangular, construído sobre un baseamento para salvar o desnivel do terreo que xera a existencia dunhas escaleiras nas dúas portas de acceso. Ten cuberta de tella a dúas augas. Está feito de cachotería irregular, agás nos remarques dos vans e dos esquinais, que son de cantaría.

De estrutura sinxela case que non ten elementos decorativos. Contaba don dúas aulas, unha para nenos e outra para nenas, con entrada lateral independente e unha fiestra no centro da fachada principal e nos laterais que lle proporcionan luminosidade. Na fachada principal hai tres placas que aluden á súa construción, un das que di o seguinte: “La Sociedad Agrícola de Villanueva, muy agradecida al Club Lalín (Habana), por donativo destinado a la construcción de esta casa”.

A escola foi inaugurada en decembro de 1928 e foi alugada ao Concello de Lalín para que funcionase como centro educativo. No xornal El Pueblo Gallego do 28 de novembro de 1927 aparece publicada unha noticia que di: “La parroquia de Villanueva no podía ver con indiferencia dos realidades importantísimas: la falta de local adecuado para escuela, y el ofrecimiento del Club Lalín. Y sin desmayo y venciendo dificultades que siempre se presentan, y tomando por base las mil pesetas de nuestros paisanos de La Habana, llegamos a la edificación de la necesaria y deseada obra que será ofrecida al Ayuntamiento de Lalín, previo pago del alquiler que se acuerde, siendo el edificio escuela de la exclusiva propiedad de los vecinos que han contribuido a la edificación”.  Funcionou como tal escola ata comezos da década dos 70 do século pasado e actualmente é o local social da parroquia.

*Prado

A escola “Manuel Curros Enríquez” foi inaugurada na parroquia San Martiño de Prado o 12 de decembro de 1923 como centro de ensino primario e tamén como clases nocturnas de alfabetización de adultos. Así funcionou ata a década dos 70, cando o edificio foi derrubado e no solar construíse o actual colexio público de Prado.  Patrocinouno a sociedade bonaerense Unión del Partido de Lalín.

Levaba o nome do poeta galego “Curros Enríquez” como homenaxe porque “supo cantar las rebeldías que han de hacer de Galicia un pueblo libre y progresista”. Tratábase dun edificio de dúas plantas, de forma rectangular, construído en cachotería irregular e con cuberta de tella e dúas augas. Contaba con numerosos vans para darlles luminosidade ás diferentes estancias. Ademais das achegas económicas dos emigrantes lalinenses na Arxentina, a escola fíxose coa axuda dos veciños en un terreo doado por unha delas, Mª Ignacia, a señora da Eirexe.

Contaba con varias aulas, onde recibían clases de ensino primario os nenos e nenas da parroquia. Seguían o método pedagóxico arxentino de graos, igual que na outra escola da sociedade de Gresande. Tamén se impartían clases nocturnas para a alfabetización de adultos. A escola funcionou ata os inicios da Guerra Civil, cando foi clausurada. Na posguerra volveu a ser un centro educativo, pero a sociedade promotora xa non tiña ningún tipo de vinculada con ela. A comezos da década dos 70, o edificio foi derrubada e no soar construíuse o actual colexio público de Prado.

*Gresande

En Gresande é hoxe unha vivenda particular a que funcionaba como escola “Ramón González Vigide”. Antigamente era centro de ensino primario, nela dábase tamén prácticas de agricultura e clases nocturnas de alfabetización de adultos.

Esta escola foi creada nunha vivenda particular, propiedade de Manuel Dobarro, que foi habilitada como centro de ensino pola sociedade promotora. O edificio tiña unha soa planta, de forma rectangular, e estaba construído en cachotería irregular con cuberta de tella do país a dúas augas cunha bufarda. Ten unha estrutura moi sinxela, sen apenas elementos decorativos, agás os remarques dos vanas na fachada principal que son de cantaría. Inaugurouse a finais de 1922 é a máis antiga. Leva o nome dun dos fundadores da entidade promotora e do militante destacado do movemento agrarista na Comarca de Deza. Foi un centro educativo e laico que impartía ensino primario e no que tamén recibían clases nocturnas os rapaces maiores de catorce anos e os adultos analfabetos.

*Hospitalillo

O Hospital-Asilo Escola de Lalín, coñecido como Hospitalillo de Lalín, localizado en Santa María das Dores de Lalín, foi inaugurado o 1 de setembro de 1924. Unha das razóns principais para a creación da sociedade de emigrantes Hijos del Partido de Lalín foi a construción dun hospital-asilo na súa vila natal. Para iso, e tras unha intensa campaña na prensa da colectividade, conseguiron o apoio dos emigrantes lalinenses en Cuba e Montevideo e, mesmo, doazóns doutros países onde vivían. Se a idea principal era a creación dun hospital que consideraban esencial para o benestar dos veciños, ao longo do tempo que pasou na súa realización e ás diversas opinións dos dezaos leváronos a cambiar o destino final do inmoble.

Así en 1917, xa coas obras avanzadas, a sociedade afirmaba que “dado el interés que hay por una escuela secundaria, el hospital quedará reducido a una sala de primeros auxilios, a fin de que quede local para destinalo a aulas de enseñanza”.

Este edificio foi deseñado polo arquitecto ourensán Guillermo Álvarez, emigrante tamén na Arxentina e doador das Escolas República Arxentina de Cortegada. Aínda que os planos se entregaron en 1912 as obras deron comezo en 1915.

Tratábase dun edificio de grandes dimensións, cunha soa planta de forma rectangular, construído en cantaría coa cuberta de tella a dúas augas. O edificio estaba feito sobre un baseamento para salvar o desnivel do terreo que xeraba un semisoto. Contaba con numerosos vans en todas as fachadas, entre as que destaca a principal, que parece dividida en tres corpos: o central co porta de acceso e os laterais cunhas fiestras de gran tamaño, remarcadas por unhas pilastras con capiteis de orde corintia e con linteis de medio punto con molduras. Tiña unha cornixa sobresaínte sobre a que descansaba un friso rectangular que remataba nuns pináculos. No centro existía un pequeno frontón rectangular no que, segundo o proxecto arquitectónico, se debía colar unha placa de mármore co nome dos doadores do edificio.

En 1924 habilitáronse varias aulas para os nenos e nenas da vila e para os adultos que asistían a clases nocturnas de alfabetización. Funcionou como centro educativo ata comezo da Guerra Civil, que provocou o seu peche como centro educativo. Foi equipado e sostido economicamente cos cartos enviados desde Arxentina e Cuba. Durante a posguerra franquista estableceuse nel o colexio Sagrado Corazón, que funcionou ata 1952. Nese ano o edificio foi derrubado e no soar construíuse un instituto de capacitación agraria.

En 1957 reconverteuse nunha escola de artes e oficio e nos ano 70 instalouse un instituto de formación profesional, pero xa non queda nada do edificio do antigo Hospitalillo de Lalín creado polos emigrantes lalinenses.

Mención á parte merece, non sendo unha escola lalinense, a escola de San Tomé de Ínsua (Vila de Cruces), unha da vinte que chegaron a existir na Comarca de Deza, pois, o dito centro foi construído en 1928 por iniciativa dos veciños desta parroquia cruceña que recadaron fondos para acometer o seu levantamento. Faltos de recursos pediron axuda a Hijos del Partido de Lalín da Habana e obtiveron desta sociedade 500 pesetas que dedicaron ao pagamento dos traballos de carpintaría da citada escola.

INDIANOS LALINENSES

O labor de creación destas escolas sería imposible sen o traballo desenvolto polos indianos lalinenses emigrados nas Américas. Destacan os irmáns González Gamallo que procedentes da zona de Soutolongo, se estableceron na Arxentina e foron prósperos en negocios. Os tres, Antonio, Benigno e Manuel, contribuíron coas súas achegas e de xeito decidido á construción da casa escola de Soutolongo.

Entre un elenco de nomes moi amplo que sería imposible de citar a todos, tamén está Gumersindo Asorey Blanco, que axudou á construción da escola de Gresande e tamén, segundo aparece recollido no Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega, o de Casimiro Gómez Cobas que sendo natural de Cotobade exerceu como protector das escolas coloniais de Lalín desde a Arxentina.

O legado dos emigrantes galegos en América é amplísimo. Neste sentido o dito traballo do Consello da Cultura Galega de onde están extraídos os datos das escolas que os indianos crearon en Lalín é un dos máis completos e minuciosos que se teñen feito ata o día de hoxe. Está a disposición de interesados, estudosos e mesmo é unha ferramenta con elevado valor didáctico no seguinte enderezo electrónico: http://mapas.consellodacultura.org/escolas/.

17 de abril de 2014 | 17:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.