As 21 confrarías da provincia destinarán 484.000 euros á adquisición de semente de bivalvos e de equipamento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Os 21 pósitos da provincia integrados na Federación Provincial de Confrarías destinarán os 484.000 euros concedidos pola Deputación de Pontevedra á adquisición de semente de bivalvos para a rexeneración dos bancos marisqueiros e á mellora do equipamento das lonxas, segundo se desprende da distribución das achegas publicada esta mañá no Boletín Oficial da Provincia.

Desta forma, as confrarías da provincia buscan cumprir con dous obxectivos que xa se marcaran como prioritarios na reunión que no seu día mantiveron na sede da Deputación co titular desta Administración, Rafael Louzán, e coa conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana.

Trátase de incrementar a produción e de mellorar a comercialización dos produtos dun sector cun importante peso económico na provincia de Pontevedra e do que dependen miles de familias.

193.000 euros para as 8 confrarías de Arousa

A comarca de Arousa, co maior número de confrarías da provincia, percibirá un total de 192.970,31 euros, que se distribuirán entre os 8 pósitos da comarca.

Así, as confrarías de pescadores San Antonio de Cambados, Santiago Apóstolo de Carril, San Xulián de A Illa de Arousa e San Martiño de O Grove recibirán cada unha delas un total de 28.470,87 euros que destinarán tanto á adquisición de semente de bivalvos (todas menos a de Carril) como de diferente material e equipamento para as lonxas, como poden ser máquinas de frío, caixas, básculas ou máquinas de etiquetaxe, entre outras.

Pola súa banda, as dúas confrarías de Sanxenxo, San Roque de Portonovo e Santa Rosalía de Sanxenxo, investirá 25.307,97 euros e 6.325,82 euros respectivamente en accións encamiñadas á mellora da comercialización por medio da adquisición de equipamento para a lonxa.

Á mesma finalidade destinarase parte dos 22.145,07 euros que recibirá Virxe do Rosario, de Vilaxoán, que tamén investirá parte da achega na rexeneración dos seus bancos marisqueiros. Finalmente, a confraría La Pastoriza de Vilanova de Arousa destinará os 25.307,97 euros concedidos á adquisición de semente.

As 5 confrarías do Morrazo percibirán 110.000 euros

A comarca do Morrazo é a segunda con maior presenza de confrarías, que recibirán un total de 110.715,79 euros. A confraría San Cipriano de Aldán recibirá 15.814,49 euros para melloras na comercialización, mentres que a tamén canguesa Confraría San José percibirá 28.470,87 euros para melloras na comercialización e para a rexeneración dos bancos marisqueiros.

En Bueu, a Confraría San Martín disporá de 25.307,97 euros para melloras na comercialización, que é a mesma finalidade á que destinará 15.814,49 euros Santa María del Puerto de Marín.

Finalmente, a Confraría de Pescadores San Martín de Moaña recibirá 25.307,97 euros para a mellora da comercialización e para a adquisición de semente.

Pósitos de Pontevedra, Poio e Soutomaior

En Pontevedra, as confrarías San Andrés de Lourizán e Sa Telmo contarán cunha achega de 25.307,97 euros e 28.470,87 euros respectivamente, destinados a equipamento de lonxas no primeiro caso e á rexeneración de bancos marisqueiros no segundo.

Pola súa banda, ao pósito San Gregorio de Raxó, en Poio, correspóndenlle 15.814,49 euros para melloras na comercialización; mentres que Virxe do Carme de Arcade, en Soutomaior, investirá nesas melloras pero tamén na adquisición de sementes os 22.145,07 euros que lle foron concedidos.

Redondela, Vigo, Baiona e A Guarda

Finalmente, as confrarías de Redondela, Baiona, A Guarda e Vigo destinarán integramente as achegas da Deputación (de 25.307,97 euros nos dous primeiros casos, de 22.145,07 en A Guarda e de 15.814 euros na da cidade olívica) a melloras na comercialización dos seus produtos.

30 de abril de 2014 | 16:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.