Unha achega de 600.000 euros permitirá modernizar maquinaria en réxime asociativo de explotacións agrarias lucenses
A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, destacou “o impulso” da Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural e do Mar para a modernización da maquinaria que empregan en réxime asociativo as explotacións agrarias da provincia de Lugo.
Arias fixo estas declaracións a raíz da comunicación hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) das achegas realizadas polo departamento autonómico de Medio Rural para este sector. A representante do Executivo galego explicou que foron beneficiadas 11 sociedades na provincia de Lugo, cun importe medio por explotación superior aos 53.500 euros, ata sumar un total de 589.633,41 euros.
Neste sentido, Arias recordou que na provincia de Lugo concéntrase preto dun terzo do importe total desta liña de axudas para toda a comunidade galega. A delegada subliñou que se trata dunha achega importante “atendendo ao elevado investimento que require a modernización das explotacións agrarias e aos beneficios que reporta a Galicia ter un sector primario moderno, forte e competitivo”.
Así mesmo, Arias considerou que esta liña de axudas “incide de maneira importante na introdución das novas tecnoloxías e na ampliación das unidades de explotación no medio rural, ben reorganizando a propiedade ou ben a través da unión dos titulares en sociedades comúns”. Do mesmo xeito, fixo fincapé en que “se apoia ambos obxectivos; introduce maquinaria moderna, minimiza os custos das explotacións, mellora as condicións de traballo, incrementa a seguridade laboral e reduce as emisións contaminantes”.
En suma, sinalou, “trabállase para mellorar a calidade de vida no medio rural, facilitando ferramentas de traballo e métodos de organización que fagan máis atractiva a actividade agraria para a mocidade, xa que o reto para a nosa provincia é fixar poboación nos pobos e aldeas”.











