Tres bens históricos da provincia de Lugo serán rehabilitados cun investimento de 277.000 euros
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destinará neste segundo trimestre do ano máis de 277.000 euros para a rehabilitación e restauración de diferentes bens históricos da provincia de Lugo. Deste xeito, entre as actuacións principais que se van a desenvolver nos vindeiros meses destacan a recuperación da cuberta do Santuario da Virxe de Cadeiras (Sober), unha intervención no Mosteiro de Ferreira (Pantón), e a restauración das pinturas murais da Igrexa de Santa María de Nogueira de Miño, en Chantada.
A Consellería de Cultura e Educación investirá 198.000 euros na restauración da cuberta do Santuario da Virxe de Cadeiras, en Sober. O proxecto, que foi encargado e financiado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, prevé a construción dunha estrutura tradicional de madeira e a instalación dunha cubrición de tella, respectando a actuación provisional feita hai anos para a posta en uso do edificio. As obras licitaranse proximamente e se prevé que podan comezar este verán, cando as condicións climatolóxicas permitan a súa execución.
Está prevista tamén a reparación dos acabados de paramentos interiores do claustro e porteiras do Mosteiro de Ferreira, en Pantón. Esta actuación, que conta cun orzamento de 38.000 euros, consistirá, por unha banda, na reparación dos acabados que teñen unha altura de 1,70 metros eliminando os revestimentos e saneando os paramentos para aplicaráselles un revestimento de morteiro e unha pintura de cal deixando unha franxa para a evaporación das humidades. No resto dos acabados limparase a peza do paramento e pintarase á cal.
Outra das intervencións que se executarán proximamente é a restauración das pinturas murais da Igrexa de Santa María de Nogueira de Miño, en Chantada, onde se investirán 41.100 euros. As actuacións propostas inclúen en primeiro lugar unha elaboración de mapas de estado de conservación, a realización de controis temporais de temperatura e humidade, e a limpeza da superficie e a aplicación de tratamentos contra o biodeterioro. A continuación, eliminaranse as proteccións existentes que hai sobre os morteiros e elementos metálicos alleos á obra. Por último, consolidarase o soporte fixando os estratos de polícromos, repoñeranse os morteiros respectando as marcas de antigas monteas e reintegrarase a policromía.











