Cores Tourís destaca a importancia do sector vitivinícola na visita á adega Lagar de Fornelos do Rosal
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a adega Lagar de Fornelos do Rosal en compaña do alcalde da localidade, Jesús María Fernández, co obxectivo de coñecer a súa actividade, destacando a importancia do sector vitivinícola na economía da provincia de Pontevedra.
Segundo apuntou o delegado territorial, que estivo acompañado nesta visita polo xefe territorial de Medio Rural e do Mar, Miguel Dubois, esta firma é unha das beneficiadas polas axudas que a Consellería acaba de facer públicas e que teñen como obxectivo o impulso da modernización e innovación tecnolóxica das empresas destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais na provincia.
“Estas axudas”, explicou Cores Tourís, “cofinanciadas con fondos europeos Feader, permitiron aportar case 3,6 millóns a 50 empresas da provincia de Pontevedra dos sectores da carne, o leite, a madeira e o viño, como é o caso da adega Lagar de Fornelos. Deste montante, 1,6 millóns destinaranse a empresas do sector vitivinícola”.
Lagar de Fornelos naceu trala compra en 1988 da empresa La Rioja Alta, S.A., da adega Fernández Cervera Hermanos S.L., propiedade dunha familia relacionada coa construción naval. O obxectivo dos novos donos era buscar un lugar no que afincarse en Galicia para probar novos camiños enolóxicos. A adega ten capacidade para produción 600.000 litros de viño.
A sociedade ten por obxecto cultivo da vide, a elaboración e embotellado de viños e a elaboración e embotellado de augardentes, para o cal dispoñen de 75 hectáreas de viñedo, 60 no Rosal e 15 no Salnés, ademáis dunha adega de elaboración de viño e dunha pequena destilería.
A maiores, tamén fabrica augardentes, para o cal dispoñen dunha pequena destilería con 8 alambiques, 20.000 litros de almacenamento en aceiro inoxidable e 90 barricas de carballo de 225 litros cada unha. “No ano 2011”, asegurou o xerente da firma, “producimos case 14.000 litros de augardente sendo parte dela destinada a licores e ao seu envellecemento en barrica”.
A subvención de máis de 76.200 euros aportada pola Consellería de Medio Rural e do Mar está destinada, segundo explicaron os representantes da firma, a construción dunha nave de 160 metros cadrados de superficie destinada á recepción e acopio de uva en Vilanova de Arousa, así como á compra de maquinaria para a adega situada en O Rosal. Entre o material adquirido se atopa unha secadora de botellas, unha etiquetadora autoadhesiva, un depósito de auga quente para desinfección, unha cinta de evacuación e dous depósitos xunto a 100 contedores para bagazo. A obra da nave de Vilanova comezou en 2013, executándose ao 25%. O resto levarase a cabo no presente ano grazas a nova subvención recibida pola administración autonómica.
“A maiores, a Xunta tamén destinou co mesmo obxectivo outros 191.365 euros para outras dúas adegas desta localidade, o que supón un investimento total para este ano de 267.575 euros en melloras tecnolóxicas das empresas vitivinícolas deste municipio”, explicou Cores Tourís quen matizou que dende 2009, o montante total destinado a este fin para as adegas de O Rosal roldou o 1,5 millón de euros.
O delegado territorial aproveitou a visita a esta empresa para recordar a importancia do sector vitivinícola, non só para a provincia de Pontevedra senón tamén en toda Galicia. “O futuro da nosa comunidade autónoma”, afirmou, “pasa por apostar polos sectores con maior puxanza económica como, neste caso, é o vitivinícola”. Neste senso, recordou que pese á crise, este sector “está a manter o seu volume de venta grazas a compensación nos mercados de exportación que creceron en 2012 nun 18% en comparación co periodo anterior e representando xa o 28,7% do total do viño Rías Baixas comercializado”.
De feito, neste senso, Lagar de Fornelos destina o 50% da súa produción a mercados estranxeiros como Reino Unido, México, Alemaña, Suíza, Estados Unidos, Xapón e Venezuela. O resto da súa produción véndese o 25% en Galicia e o outro 25% no resto do Estado.
“Esta adega é un bo exemplo de que a tendencia nos mercados de exportación tamén se plasma no incremento dos destinos, así como no número de adegas que afrontan a difícil tarefa de saír aos mercados a vender”, engadiu Cores Tourís, quen recordou que os caldos da denominación de orixe Rías Baixas chegan a mercados como o estadounidense, “que supón a metade das exportacións”, o inglés, o alemán ou o holandés, ademais de a países como Porto Rico, Suíza, Noruega, México, Xapón ou China.
“En relación ao resto de exportacións de viño branco español, o incremento das exportacións da denominación de orixe pontevedresa demostra que Rías Baixas xa representa o 8,03% das mesmas”, continuou o delegado territorial quen asegurou que “estas cifras son froito do traballo e o tesón de adegas como Lagar de Fornelos, que están a investir tempo e esforzo para posicionarse nos mercados, así como da labor que desenvolve o Consello Regulador para apoiar a internalización das nosas adegas”.











