A Xunta colabora con oito establecementos lucenses na obtención do distintivo Q de Calidade Turística

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A delegada territorial, Raquel Arias, subliñou hoxe que oito establecementos da provincia de Lugo veñen de incorporarse ao listado de centros coa certificación de Q de Calidade Turística, para o que contaron co apoio da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia.

Arias subliñou que estes establecementos recibiron axudas do Executivo galego a través da liña de subvencións posta en marcha polo departamento turístico para a modernización e mellora de instalacións en hoteis, restaurantes, albergues turísticos e empresas de servizos turísticos complementarios, así como para a certificación, seguimento e renovación da marca Q de Calidade Turística.

A delegada territorial visitou hoxe o Hotel O Cabazo, no municipio de Ribadeo, un dos oito establecementos que veñen de lograr a certificación que ofrece o Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE). En toda a provincia, xunto con esta iniciativa empresarial, estrean esta certificación a empresa de Turismo activo Hola Ola de Mar e Casa Doñano, tamén en Ribadeo; Hotel Rural A Finca (Barreiros), Finca Galea (Alfoz), Restaurante España (Lugo), a empresa de Turismo activo Capitol (Chantada) e o Club de Golf do Hotel Balneario de Guitiriz.

Así mesmo, Arias indicou que na provincia, outros 21 negocios e centros reciben achegas mediante a liña disposta por Turismo de Galicia para a renovación e seguimento da certificación de Q de Calidade Turística.

A delegada territorial valorou “o esforzo e o compromiso do Executivo galego para a modernización e dinamización do sector turístico de Lugo” e significou que con estas novas incorporacións, o número de establecementos e centros da provincia coa certificación de Q de Calidade Turística sitúase en 52.

En xeral, Arias considerou tamén importante que esta convocatoria de axudas representa “un novo impulso” para o sector da hostalería e restauración da provincia de Lugo. De feito, neste territorio concéntranse boa parte das axudas distribuídas na comunidade, grazas a previsión de discriminación positiva de conformidade cos obxectivos do plan ImpulsaLugo, polo que o baremo contemplou maior puntuación para as iniciativas procedentes desta provincia.

O Plan Integral de Turismo de Galicia inclúe entre as súas liñas estratéxicas unha liña orientada ao fomento do talento e ao aproveitamento das novas tecnoloxías para acadar un sector competitivo e un destino intelixente. Nesa liña encádrase unha acción dirixida á mellora na xestión e na innovación do sector que implica a implantación de sistemas de xestión como aposta clara para aumentar o grao de competitividade do sector turístico. Por este motivo, proponse o apoio á implantación de distintos sistemas de xestión que avalen un sistema turístico de calidade.

5 de marzo de 2014 | 20:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.