A Deputación de Ourense convoca axudas para desenvolver “Eventos deportivos 2014”
A Deputación de Ourense ven de convocar unha novidosa líña de axudas para o sector deportivo, en concreto para “Eventos Deportivos” a desenvolver ao longo do ano 2014 . As bases publicáronse no B.O.P. nº 65 de hoxe xoves, 20 de marzo. Esta convocatoria de axudas, que ten unha dotación económica de 80.000 euros, é unha novidade do Plan Estratéxico de Subvencións do goberno provincial. Ata o vindeiro 21 de abril estará aberto o prazo de solicitudes da convocatoria que poderán solicitar concellos, entidades deportivas, entidades sen ánimo de lucro ou asociacións veciñais para a organización de eventos deportivos para realizar durante o exercicio de 2014, coa finalidade de contribuír ao mantemento dunha actividade deportiva ampla, orientada ao público en xeral e baseada principalmente nos conceptos de deporte-saúde e deporte para todos.
O obxectivo destas bases é a regulación da convocatoria pública por parte da Deputación de Ourense para a tramitación e concesión de subvencións mediante convocatoria pública e a través do procedemento de concorrencia competitiva, coa finalidade de financiar parcialmente os gastos derivados da organización de actividades físico-deportivas de carácter específico e puntual, que impliquen a práctica de disciplinas deportivas recoñecidas polas federacións deportivas, ben sexa con carácter competitivo ou con carácter non competitivo, tales como xornadas deportivas, campionatos ou torneos de calquera ámbito.
Tamén están incluídas aquelas actividades de carácter específico e puntual que, sen reunir os requisitos sinalados anteriormente, poidan considerarse como análogas, por comportar a realización de actividades físicas semellantes ás deportivas que se correspondan con hábitos de vida saudable, tales como andainas populares, rutas de sendeirismo ou similares.











