A Biblioteca Nodal de Lugo conmemorará o Día Internacional da Muller
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria invita aos lucenses a celebrar este mes na Biblioteca Nodal o Día Internacional da Muller, que se conmemora o 8 de marzo, o Día Internacional da Poesía, o 21 de marzo, e o Día Mundial do Teatro, o xoves 27.
Así, con motivo do Día Internacional da Muller, o centro acolle a exposición “Mulleres sobresaíntes”, unha selección bibliográfica que recolle as biografías de mulleres que destacaron en diversas facetas, tanto na esfera pública como no ámbito privado. Políticas, raíñas, científicas ou aventureiras que percorreron o mundo en épocas da historia nas que a muller apenas viaxaba nin tiña vida social no eido público; ou historias da vida privada nese papel tan pouco recoñecido, á sombra dos varóns.
O día da Poesía, o venres 21, Regueifeiros de Galicia guiará un Obradoiro de improvisación en verso, dirixido a todas as persoas con inclinación á práctica do verso clásico rimado da controversia dramatizada ó estilo clásico (coñecido como regueifa ou brindo), e con curiosidade por coñecer as tradicións populares do país.
A festa do teatro celebrarase en realidade un día despois da efeméride, o venres 28, cando Teatro de las Quimbambas poña en escena “Piso compartido” no salón de actos. Dúas pezas breves de teatro que, sen ter relación entre si, desenvólvense en sendos pisos compartidos. Nun deles viven dúas compañeiras novas e aloucadas; no outro, dous compañeiros maduros e tal vez namorados. Unha obra en galego e a outra en castelán. Dous pisos sen relación unidos polo teatro. A obra comezará ás 18.00 horas e a entrada é libre e gratuíta.
Ese mesmo día dará comezo unha nova iniciativa na Biblioteca Provincial Nodal: Conversacións de autoaxuda. Esta actividade pretende crear un grupo de debate para informar e achegar coñecementos básicos sobre a autoaxuda, fomentando a colaboración activa e facilitando o apoio a todo tipo de participantes para que aprendan a recoñecer as súas dificultades, manexalas e superalas con apoio de psicoterapeutas e coa lectura de manuais de desenvolvemento persoal. O tema desta primeira conversa será “Amor, desamor, sexo”.
Pola súa banda, o café filosófico celebrarase o martes 25, en torno ao tema “O propósito da vida humana”. Os días 11, 14 e 18 desenvolverase un obradoiro sobre a lingua inglesa aplicada ás novas tecnoloxías; con actividades interactivas realizadas a través do ordenador, como xogos, vídeos e comentarios de noticias dispoñibles en Internet, o alumno aprenderá de forma autodidacta tanto o idioma como o manexo das TIC´s na súa casa.
A programación infantil comezará o venres día 7 co obradoiro “Crea fósiles de dinosauros”, para nenos e nenas de 4 a 12 anos. O día 14 haberá contacontos para os máis pequenos, de 0 a 3 anos, e a tarde do 21 narracións para os de 3 a 10 anos. Para rematar, o venres 28 prográmase un espectáculo de música e lectura: “Contos para escoitar mentres bailamos un vals”. É preciso apuntarse previamente para participar nestas actividades, que dan comezo ás seis da tarde.
Por último, cómpre lembrar que a Biblioteca tamén acolle a exposición “A guerra non é un xogo”, sobre a situación dos nenos e nenas nos conflitos armados, que organiza Cruz Vermella- Xuventude Galicia.











