Unha exposición monográfica conmemora en Padrón o centenario da obra “Platero y yo”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPadrón
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participa nos actos de conmemoración do centenario da obra “Platero y yo”, de Juan Ramón Jiménez, a través dunha mostra dedicada a esta clásico da literatura española e que se poderá visitar na sede da Fundación Pública Galega Camilo José Cela en Padrón.

Así a Xunta acolle unha mostra temporal composta por 45 ilustracións asinadas por Idígoras e Patxi. Ademais con esta acción a Consellería de Cultura e Educación achega ao público máis dunha vintena de obras, documentos e manuscritos relacionados coa figura de Juan Ramón Jimenez e coa obra poética do premio Nobel padronés.

“Platero y yo”

A mostra, que estará aberta ao público ata o vindeiro 20 de abril, compleméntase cunha programación específica gratuíta para a comunidade educativa – dende infantil ata Bacharelato – que ten como obxectivo achegar aos escolares á poesía como xénero literario. Así, ademais da visita guiada gratuíta á mostra de Iria Flavia os centros escolares poderán participar nos talleres didácticos “A mi burro” -destinado a Infantil e 1º ciclo de Primaria- no que os rapaces xogarán coas mascotas dalgúns escritores e crearán as súas propias e “Veo poesía” – destinado a Primaria, Secundaria e Bacharelato- e no que se propón aos escolares a creación dunha poesía visual na que convivan as palabras e as imaxes.

Para más información sobre esta e outras actividades gratuítas da Fundación pode consultarse o blog educativo http://camilinojosesino.blogspot.com.es ou contactar co Gabinete Didáctico da Fundación no teléfono 981 81 24 25 ou no mail visitas@fundacioncela.com.

Outras actividades

Por outra banda a Consellería de Cultura e Educación mantén aberta ata o vindeiro 16 de marzo a mostra “A Rebotica da Arte”, realizada en colaboración coa Deputación de Pontevedra. A mostra, que se pode visitar no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, inclúe obras dos autores máis representativos da pintura española contemporánea do século XX, todos eles moi vinculados á traxectoria vital e literaria do Nobel padronés e pertencentes á colección pictórica da Fundación como Isaac Díaz Pardo, Urbano Lugrís, Luís Seoane, Eugenio Granell, Pablo Picasso, ou Joan Miró. Así mesmo, na mostra poden contemplarse traballos pictóricos de Ulbrich, Zabaleta, Chillida, Tàpies, Úrculo, e moitos máis, incluíndo obras do propio Cela ou doutros escritores como García Lorca, Alberti ou Guitérrez Solana que tamén amosaron o seu talento creativo no eido da pintura.

Asemade, segue a Consellería mantén aberto ata o 9 de marzo o prazo de presentación de traballos para o III Concurso de microrrelatos convocado a través da Fundación Cela (http://microrrelatosfcjc.com), e que este ano esta dedicado á novela de ambientación galega “Mazurca para dos muertos”.

21 de febreiro de 2014 | 12:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.