Preséntase un estudo sobre o patrimonio histórico-artístico lucense
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou esta tarde na presentación da obra ‘A presenza do mestre Mateo no sur da provincia de Lugo. O taller de Portomarín e os seus colaboradores’, de Begoña González Aguiar, nun acto que tivo lugar no concello de Taboada.
Trátase da obra gañadora do VI Certame de Investigación Condado de Pallares, unha iniciativa promovida pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares co apoio da Consellería, que ten como obxectivo favorecer os traballos de investigación sobre diversos ámbitos da cultura dos concellos de Taboada, Guntín, Chantada e Carballedo.
“Unha achega valiosa”
A obra, que establece un nexo de unión entre a arquitectura e decoración románicas do conxunto de igrexas que centran a investigación, constitúe, segundo afirmou Anxo Lorenzo durante a presentación, “unha achega valiosa que enriquece o coñecemento sobre o noso patrimonio histórico-artístico e que dá mostra da inmensa riqueza patrimonial que atesoura Galicia”. Concretamente, o estudo céntrase nunha serie de igrexas de “filiciación mateana”, xa que amosan vínculos cos traballos realizados polo mestre Mateo en Santiago de Compostela.
En palabras de Begoña González, o traballo aborda aqueles templos que se atopan baixo a influencia das “receitas mateanas” situados en Carballedo, Chantada, Portomarín, Taboada, Pantón e O Saviñao. O propósito da investigación é “dar a coñecer a linguaxe propia destes templos, cuxas características mesturan varias influencias locais coas solucións propias de Compostela, a través do taller de Portomarín e, nalgúns casos, de Ourense”.
A igrexa de San Xoán, en Portomarín; a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, no Saviñao; os templos de Santa María de Pesqueiras e de Santa María de Campo Ramiro, en Chantada; ou o de San Xoán da Cova, en Carballedo, son algunhas das construcións nas que se centra este estudo de Begoña González Aguiar (Pantón, 1983), licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela.
Estudos sobre a cultura e a lingua galegas
Co seu apoio ao certame –no que tamén participan os concellos de Guntín e Taboada, a Fundación Novacaixagalicia e a Deputación de Lugo– a Consellería busca favorecer os labores de investigación asociados aos ámbitos da lingüística, da historia, da arqueoloxía, da antropoloxía, da etnografía, da arte e do folclore no antigo territorio do Condado de Pallares, e que hoxe abarcaría os concellos de Taboada, Guntín, Portomarín, Chantada e Carballedo.











