Oroso convoca o concurso de receitas “En galego sabe mellor”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

O Concello de Oroso convoca o concurso de receitas de entroido “En galego sabe mellor”, unha iniciativa que chega este ano á súa quinta edición e coa que busca combinar a recuperación de receitas tradicionais do Entroido co fomento do uso da lingua galega. Por iso, o xurado non só valorará a presentación e a creatividade do prato, senón tamén o uso que se fai do idioma galego na receita.

O concurso está aberto a todos os veciños e veciñas de Oroso maiores de 16 anos, que poden presentar ata un máximo de dúas receitas por participante. O gañador levará unha cea para dúas persoas no restaurante Cortés (Sigüeiro), mentres que o finalista acadará un libro de cociña. Ambas receitas serán publicadas posteriormente na páxina web municipal (www.concellooroso.com) para que así tamén as poidan elaborar todos os internautas que o desexen.

As receitas deberán entregarse mecanografadas no centro cultural Fernando Casas e Novoa antes do vindeiro 24 de febreiro. Posteriormente, deberase presentar o prato cociñado da casa o 25 de febreiro no centro cultural de Sigüeiro, ben en horario de 9:00 a 14:00 horas ou ben de 17:00 a 18:00 horas.

Os premios entregaranse o 1 de marzo, ás 19:30 horas, no transcurso dun acto aberto ao público no centro cultural de Sigüeiro. As bases do concurso poden recollerse no centro cultural ou descargarse da páxina web www.concellooroso.com.

11 de febreiro de 2014 | 19:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.