O temporal deixa danos na praia, paseo marítimo e zona portuaria de Caión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O temporal Nadja que durante a fin de semana castigou a costa galega provocou danos de certa entidade na localidade de Caión, tanto na praia como no paseo marítimo e a zona portuaria da única vila litoral do municipio. O Concello da Laracha está a elaborar un informe para valorar detalladamente os deterioros.

O alcalde, José Manuel López Varela, e o edil responsable das áreas de Medio Ambiente e Servizos Municipais, José Ramón Martínez Barbeito, desprazáronse ata Caión para coñecer de primeira man os estragos producidos pola cicloxénese explosiva.

Ambos comprobaron como a zona máis afectada foi a da praia. En primeiro lugar, o máis rechamante é que a forza da auga arrastrou unha gran cantidade de áridos, deixando ao descuberto muros de pedra de contención e tamén as rochas (especialmente na praia do Caracoleiro).

Os aseos situados na entrada principal á praia sufriron importantes desperfectos, quedando destrozadas as portas de madeira, algunhas das pezas do interior e parte das tuberías. Precisamente fronte aos aseos é moi visible o arrastre de áridos, xa que as tubaxes quedaron á vista e as portas, que anteriormente estaba á altura da area, agora presentan un desnivel duns 50 centímetros con respecto ao chan. Tamén estaba afectada e requirirá dunha reparación a zona das duchas.

Ademais, rompeuse un tramo da escaleira de madeira que dá acceso directamente desde o paseo marítimo á praia das Salseiras. A forza do mar espallou os tablóns por todo o areal. Operarios municipais comezaron a traballar xa a primeira hora da mañá para retiralos e limpar o material vexetal e o lixo que apareceu na praia.

Paseo marítimo e zona portuaria

Noutras zonas da vila de Caión o temporal tamén provocou danos, aínda que de menor entidade. Na parte urbana do paseo marítimo rompéronse varias luminarias. Na zona portuaria rexistráronse incidencias de pouca consideración no peirao. Na praza da Ribeira racháronse varias táboas de madeira que formaban a balaustrada, que xa foi acordoada pola Policía Local para advertir do perigo. Técnicos da empresa Viaqua, concesionaria do servizo de augas municipal, comprobaron esta mañá que nin a depuradora de residuais nin o emisario submarino existentes neste lugar sufriran danos e, por tanto, funcionaban con normalidade.

3 de febreiro de 2014 | 19:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.