O levantamento da cuberta dun colexio de Vilanova deixa sen clase a 106 alumnos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVilanova de Arousa
A-
A+
E.P.

O temporal provocou o levantamento da cuberta do CEIP Viñagrande-Deiro, en Vilanova de Arousa (Pontevedra), e deixou sen clase os seus 106 alumnos, segundo informou este xoves a Consellería de Cultura e Educación, que indicaron que traballan para recuperar “no menor tempo posible” a normalidade.

Ademais, Educación informará ao Consello da Xunta da próxima semana das obras que contratará polo procedemento de urxencia para reparar os danos provocados polos temporais en diversos centros educativos da comunidade galega.

Nun comunicado, indicou que o Goberno galego traballa para “solucionar no menor tempo posible as incidencias” e concretou que son 13 os centros que sufriron danos, fundamentalmente polo levantamento de cubertas e a entrada de auga en aulas e outros recintos.

O persoal técnico das xefaturas territoriais e empresas especialistas están a avaliar os danos causados nos colexios e institutos, indicou Educación.

Respecto ás incidencias, explicou que, na provincia da Coruña viuse afectado o IES de Alfonso X O Sabio, de Cambre, no que se produciron danos na cuberta.

En Lugo, a empresa contratada para retirar elementos da cuberta do IES de Foz que corren perigo de desprenderse segue cos traballos e a Consellería espera comezar a reparación “canto antes”. Os alumnos xa puideron retomar as clases, despois de que se realizaran tarefas para garantir a seguridade dos estudantes e o persoal. Na mesma provincia, en Viveiro, o CEIP Vilar Ponte sufriu unha entrada de auga nas aulas que contectan co patio.

PONTEVEDRA E OURENSE

No caso da provincia de Pontevedra, o temporal levantou este xoves uns metros máis parte da cuberta do CEIP de Viñagrande-Deiro, que xa estaba afectada, e provocou que os seus 106 alumnos non puideran acudir ás clases. Tamén se produciron desprendementos de falsos teitos e entrou auga no CEIP A Lama, mentres que no IES de Poio e no Castro Alobre, en Vilagarcía, desprendéronse tellas.

No CEIP Neira Vilas, de Gondomar, desprendeuse a cuberta, mentres que a ESAD de Vigo sufriu danos no muro cortina e no CEIP Fontes-Baíña, de Baiona, se produciron desprendemento nos remates da cuberta de fibrocemento.

Ademais, indica a Consellería de Educación, derrubáronse cinco metros do muro exterior do recinto da Illa de San Simón, na ría de Vigo.

Na provincia de Ourense, a entrada e o salón de actos do IES Lagoa de Antela, en Xinzo de Limia, inundáronse, ao igual que o patio do IES Cidade de Antioquía. Tamén se produciu un desprendemento dunha chapa no IES de Allariz.

6 de febreiro de 2014 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.