O Azkar Lugo non puido en Copa cun Elpozo que demostrou a súa pegada en ataque

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLugo
A-
A+

O Azkar Lugo complicou o pase a semifinais en Copa do Rei a ElPozo Murcia (1-5). A teórica superioridade dos murcianos, favoritos na eliminatoria, acabou por decantarse no final da primeira metade cando establecía unha diferenza de dous goles no marcador. Antes o Azkar adiantouse e ata gozou de varias ocasións para ampliar a súa diferenza, pero os vermellos aproveitaron para nun minuto coa seu gran pegada en ataque remontar o partido e xa non permitir aos lucenses volver mandar no luminoso en todo o encontro.

Nos primeiros compases do choque víase a un Azkar Lugo entregado e cun punto de intensidade maior aos murcianos. Pese que a posesión parecía ser para os de Duda, as ocasións claras eran para os lucenses e así en dobre ocasión Rafa interviña no man a man ante Aranburu e o rexeite collíao Álex Diz que vía como o seu disparo era despexado desde o chan e ao pau por Kike. Ese foi o preludio do 1-0 ao minuto 6 cando unha contra de Chano acababa en pase para Aranburu e o capitán con calidade definía cunha vaselina picada ante Rafa. Eran os mellores momentos do Azkar no partido que merecía por ocasións o segundo da tarde ante un ElPozo algo esvaecido. Antonio Diz, ao segundo pau a porta baleira, e Chano tras unha contra non atoparon o premio merecido ao gol. Ían 12 minutos de partido e iso obrigaba a Duda a pedir tempo morto. A partir de aí ElPozo cambiou e aproveitou un momento de dúbidas dos lucenses para en menos dun minuto darlle a volta ao marcador cos goles de Juampi, de tacón dentro do área, e de Eka, de tiro cruzado para poñer o 1-2. Entón era Diego Ríos o que lle tocaba pedir tempo morto para lograr a calma nos seus e non caer na desorde. Os lucenses conseguírono, lograron poñer en cinco faltas aos murcianos a catro minutos do descanso, pero os árbitros deixaríano aí sen pitar a sexta. Cando todo facía presaxiar o descanso sen máis goles, a 53 segundos do intermedio ElPozo poñía terra polo medio co 1-3 de tiro cruzado de Raúl Campos a pase de Adri.

No segundo periodo as forzas igualábanse, pero a diferenza de dous goles parecía grande. O Azkar necesitaba un gol para meterse no choque e Cuco intentábao ao minuto 24 cun tiro desde a frontal do área que se ía fóra. Os lucenses presionaban, como no primeiro acto, para non deixar xogar cómodo ao seu rival. A máis clara dos vermellos no segundo periodo chegaba nas botas de Adri que finalizaba unha contra ao pau. Era case o ecuador do segundo tempo e o Azkar seguía crendo. Rafa salvaba a disparo de Iago Rodríguez e ao minuto 32 Cuco enviaba un bo lanzamento que repelía a cruceta da meta murciana. Aí puido estar unha das claves xa que ese gol daría alas aos galegos. Mendiola abortaba con éxito as tímidas chegadas dos de Duda e mantiña con opcións aos seus. A catro minutos para o final ao Azkar só lle quedaba xogarlla con porteiro-xogador e Álex Diz vestía a camiseta negra que lle permitía facer a superioridade. Pero hoxe a mesma saíu cruz, os lucenses cometeron dous erros que Kike e Raúl Campos aproveitaron para desde campo propio sentenciar co 1-5. O Azkar traballou ata o final pero dixo adeus á Copa, iso si ante un rival de entidade.

Ficha técnica:
Azkar Lugo 1: Mendiola, Aranburu, Iago Rodríguez, Cuco e Chano, -cinco inicial-, Cospe, Álex Diz, Antonio Diz, Adrián e Cristian.  ElPozo Murcia 5: Rafa, Kike, Juampi, Miguelín e Álex, -cinco inicial-, Frankllin, Raúl Campos, Bebe, Eka, Adri e Matteus.
Árbitros: Contreras Tejedor e Pérez Álvarez (comité castelán-leonés). Amonestaron con tarxeta amarela a Iago Rodríguez, Antonio Diz, Chano e Adrián (Azkar) e a Álex e Kike (ElPozo).
Incidencias: eliminatoria de cuartos de final da Copa do Rei. Palacio Municipal dos Deportes de Lugo. Uns 500 espectadores.
Goles: 1-0 min. 6 Aranburu, 1-1 min. 11 Juampi, 1-2 min. 12 Eka, 1-3 min. 20 Raúl Campos, 1-4 min. 37 Kike e 1-5 min. 39 Raúl Campos.

Cuartos de final Copa do Rei
Azkar Lugo 1 – ElPozo Murcia 5
Burela Peixes Rubén 2 – Ríos Renovables Ribera Navarra 3
Umacón Zaragoza 5 – Montesinos Jumilla 3
FC Barcelona – Hospital Llevant de Manacor (mércores 19/02)

19 de febreiro de 2014 | 12:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.