Manifesto do Concello de Allariz sobre a reforma da lei do aborto
O desenvolvemento da sexualidade e a capacidade de procreación están directamente vinculados á dignidade da persoa e ao libre desenvolvemento da personalidade e son obxecto de protección a través de distintos dereitos fundamentais, sinaladamente, daqueles que garanten a integridade física e moral e a intimidade persoal e familiar. A decisión de ter fillos e cando telos constitúe un dos asuntos máis íntimos e persoais que as persoas afrontan ao longo das súas vidas, que integra un ámbito esencial da autodeterminación individual. Os poderes públicos están obrigados a non interferir nese tipo de decisións, mais tamén deben establecer as condicións para que se adopten de forma libre e responsable, pondo ao alcance de quen o precise servizos de atención sanitaria, asesoramento ou información.
Este texto forma parte do preámbulo que introduce a Lei orgánica 2/2010, de 3 de marzo de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo. Supuxo un paso importante á hora de reducir as barreiras que limitaban o acceso das mulleres ao aborto, aínda que presenta aspectos moi mellorábeis como son non regular adecuadamente a obxección de conciencia, a privatización da prestación, a estigmatización de quen practica interrupcións voluntarias do embarazo, a minusvaloración das mulleres ao impor un período de reflexión obrigatorio, unha vez comunicada a intención de interromper o embarazo ou a obrigatoriedade de recibir información acerca das axudas ás nais. Así, a posta en marcha deste novo marco regulador presenta carencias evidentes como son, as limitacións de acceso á sanidade pública que na práctica supoñen que a inmensa maioría das mulleres non teñen posibilidade de recibir esta prestación na súa área sanitaria na rede pública.
Esta situación é claramente corrixíbel de existir vontade política.
O goberno do PP pretende co borrador de lei actual un retroceso de década que vulnera dereitos consolidados das mulleres no referido á súa saúde sexual e reprodutiva, baixo premisas falsas e mentiras sobre o que se estabelece na actual lei, a nova normativa impulsada polo Ministro de Xustiza
Como xa alertan organizacións de mulleres e sindicatos, o único que vai supor é regresar a prácticas de risco como os abortos clandestinos, porque, como sosteñen os datos, as leis restritivas non fan baixar o número de abortos, senón elevar o número de abortos inseguros, deixando nunha situación de desamparo a moitas mulleres que pertencen a colectivos desfavorecidos ou que carecen de recursos , nun momento de recortes en sanidade, dependencia e servizos sociais., ás que non lles queda máis opción que recorrer á clandestinidade ou asumir maternidades non desexadas. Isto, como ben se comprobou en tempos pasados, supón un grave risco para a saúde das mulleres.
Por todo isto, queremos dende aquí instar a Xunta de Galicia a:
– Demandar do goberno do Estado (e ao Ministro de Xustiza) a manter e aplicar a Lei orgánica 2/2010, de 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, unha lei de prazos, e non de supostos.
– Pór en marcha as medidas necesarias para garantir que en todas as áreas sanitarias, os hospitais públicos galegos atendan a demanda existente de realización de interrupcións voluntarias de embarazo cos seus medios propios, coa finalidade de garantir a igualdade no acceso a esta prestación.
– Garantir que a información que reciben as mulleres con carácter previo ao consentimento da interrupción voluntaria do embarazo sexa obxectiva.
– Pór en marcha medidas preventivas de formación e información eficaces, sobre métodos anticonceptivos, fundamentais para evitar embarazos non desexados e prácticas sexuais de risco.
Pola interrupción voluntaria do embarazo, libre e gratuíta, non a modificación da lei do aborto.











