Frades abre o prazo de inscrición para inscribirse no concurso de disfraces de Entroido
O Concello de Frades abre o prazo de inscrición no seu tradicional concurso de disfraces, que terá lugar o domingo 2 de marzo, ás 17:00 horas, no pavillón municipal de Ponte Carreira. Un concurso aberto a todos os veciños e veciñas de Frades e da comarca que se anoten no Concello ou no 981 695 567 antes das 14:00 horas do venres 28 de febreiro, xa que non se aceptarán inscricións o mesmo día do concurso.
O Concello de Frades mantén a cantidade destinada a premios: un total de 840 euros. O concurso dividirase en dúas categorías: infantil (ata 14 anos) e adultos (máis de 14 anos); e dúas modalidades: individual (1 ou 2 compoñentes) e grupos (máis de dous compoñentes). O xurado, que premiará os dous mellores disfraces de cada categoría, lembra que se nun grupo infantil hai un adulto, a agrupación pasará de xeito automático a competir na categoría de adultos.
Haberá premios de 300 e de 150 euros para os dous mellores grupos adultos; así como 100 e 50 euros na categoría individual. Na categoría infantil, os dous gañadores do concurso de grupos levarán 100 e 50 euros, respectivamente; mentres que os gañadores do concurso individual infantil levarán 60 e 30 euros. Os dorsais dos participantes poderán recollerse no propio pavillón polideportivo a partir das 16:30 horas.
Durante toda a tarde, o pavillón municipal de Ponte Carreira acollerá tamén unha gran festa de animación con xogos, inchables, obradoiros, música e unha gran chocolatada. Unha festa na que participaron case catrocentos veciños en 2013, edición que rexistrou un total de 70 participantes no concurso de disfraces.











