Culleredo saca a contratación o mantemento de instalacións eléctricas dos edificios municipais
O Concello de Culleredo saca a licitación o servizo de mantemento eléctrico no municipio. Trátase do contrato que rexerá a conservación da iluminación pública e instalacións eléctricas dos edificios municipais cunha duración máxima de dous anos. Con esta contratación, o goberno local garantirá a revisión continua da iluminación municipal, coa execución dos arranxos de forma inmediata ante as avarías que xurdan, e a provisión de electricidade para eventos como as festas patronais. O contrato ascenderá a 400.000 euros anuais, IVE incluído, que se financiarán a cargo do orzamento do Concello.
En materia de mantemento da iluminación pública, a empresa asumirá as funcións de controlar o aceso e apagado dos puntos de luz, a inspección do seu funcionamento, o control da redución de fluxo ou a realización das modificacións pertinentes. A adxudicataria terá que revisar, como mínimo unha vez por semana, todos os puntos de luz do municipio en horario nocturno. O aceso e apagado dos centros de mando deberá ser comprobado a diario na hora apropiada, para poder accionalo de forma manual no caso de que algún fallase. Neste caso, o seu arranxo deberá efectuarse ese mesmo día.
Todas as luces ou accesorios que por calquera causa queden fose de servizo serán repostas pola empresa no prazo máximo de 24 horas en que se detecte o fallo, xa sexa atopado nas inspeccións ou por aviso do Concello ou dos propios cidadáns. No caso de danos ou roturas nos puntos de luz, que impidan o seu funcionamento, o contratista retirará con carácter de urxencia os materiais e cortará a tensión para evitar accidentes. A reposición completa do punto non superará o prazo de 7 días.
No referente aos edificios municipais, a empresa levará a cabo un mantemento tanto preventivo como correctivo da iluminación. Para atender as chamadas de avarías urxentes, a adxudicataria establecerá un servizo permanente de 24 horas. O tempo de resposta para presentarse no local en concreto non excederá as 2 horas.
A adxudicataria presentará aos 6 meses do inicio do contrato un informe técnico sobre o estado das instalacións, detallando as incidencias atopadas e as súas posibles solucións.
Así mesmo, o servizo incluirá unha proposta para a informatización do seguimento das instalacións.
A maiores, o contrato inclúe a instalación eléctrica nas 11 festas patronais das parroquias de Culleredo.
Asesoramento enerxético e criterios
O alcalde de Culleredo, Xullo Sancristán, explica que o proceso de contratación busca “garantir a calidade” na prestación dun servizo “fundamental” a diario. Destaca a elevada esixencia na frecuencia das revisións para buscar un tempo de resposta “moi rápido” ante as avarías comúns.
O rexedor apunta ademais que a empresa realizará funcións de asesoramento enerxético, o que permitirá ao Concello considerar actuacións para apostar pola eficiencia e conter un dos principais gastos das administracións públicas. A adxudicataria emitirá informes detallados dos consumos e facturación de cada acometida.
O procedemento ten multiplicidad de criterios de valoración:
• Organización do servizo (até 30 puntos). Valóranse os incrementos de persoal despois do horario fixo e os fins de semana, e o control do horario de apagado e aceso que reduza o consumo de enerxía.
• Melloras (até 10 puntos). Entre outras concederase especial relevancia á substitución de puntos luz existentes para diminuír a contaminación lumínica.
• Características do persoal (até 5 puntos). Teranse en conta aspectos como as medidas de formación e preparación do persoal ou a prevención de riscos laborais.
• Medidas ambientais (até 5 puntos)
• Oferta económica (até 55 puntos)