Comezan en Frades as obras de mellora de pistas rurais en Abellá, Aiazo, Frades, Ledoira e Papucín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFrades
A-
A+

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, mantivo unha reunión de traballo co alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, para a analizar os distintos investimentos que se están acometendo no municipio grazas a achegas de distintos departamentos da Xunta de Galicia. Así, o rexedor confirmou que nestes días deron comezo as obras de mellora de psitas rurais nas parroquias de Abellá, Aiazo, Frades, Ledoira e Papucín, que se acometen grazan a unha achega de 44.532 euros por parte da Consellería do Medio Rural e do Mar. O Concello de Frades financia con fondos propios os 9.351 euros restantes.

O plan contempla a mellora do vial de acceso á área recreativa de Os Pasos (Aiazo), unha das áreas naturais máis visitadas do municipio e que o vindeiro 13 de abril albergará a popular Festa da Merenda, que cada ano reúne a milleiros de veciños de Frades e de toda a comarca. Así mesmo, realizaranse dúas actuacións na parroquia de Abellá, onde se mellorarán os accesos ás localidades de Castro, Canedo e Ar. Finalmente, tamén se realizarán melloras nos viais de acceso ás localidades de Chousa de Atrás (Ledoira), Vilar de Abaixo (Frades) e Carballal (Papucín). O investimento total ascende a 53.883 euros.

Subvencións

Roberto Rey aproveitou o encontro para informarse sobre os distintos plans e subvencións aos que podería acceder o Concello de Frades, tanto de xeito individual como en conxunto con outros municipios veciños. En especial, o alcalde amosou o seu interese polos programas de mellora da eficiencia enerxética do alumeado público que convoca o INEGA e que tan bo resultado deron o pasado ano no municipio. “O Concello investiu 8.400 euros nun proxecto que, ademais de conseguir unha importante mellora na calidade da iluminación das nosas rúas que foi moi ben valorada polos nosos veciños, permitirá un aforro de algo máis de 6.000 euros anuais na factura eléctrica, polo que recuperaremos o investimento en pouco máis dun ano”, lembrou Rey Martínez.

O Concello de Frades investira un total de 50.991 euros na mellora da eficiencia enerxética do seu alumeado público, o que permitiu a renovación de 120 luminarias en tres puntos do municipio: no núcleo urbano de Ponte Carreira e nos núcleos rurais de Os Canedos (Mesos) e Pazo (Galegos). Un investimento incluído dentro dun proxecto conxunto presentado polos municipios de Frades, Ordes e Trazo, que contou cun orzamento global de 178.702 euros e que foi subvencionado polo INEGA con 151.897 euros.

1 de febreiro de 2014 | 13:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.