Clausúrase en Lugo un curso de formación en intervención con mulleres vítimas de violencia de xénero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a presidenta da Asociación E-Deidades, Beatriz Varela, participaron esta tarde en Lugo na clausura da Curso de especialista en intervención de violencia de xénero, subvencionado por Igualdade, a través da súa orde destinada a asociacións.

No transcurso do acto, López Abella lembrou o compromiso da Xunta de articular unha resposta global contra a “lacra” da violencia de xénero, a través dunha asistencia integral ás mulleres vítimas, aos seus fillos e fillas e a outras persoas ao seu cargo; así como fortalecer a prevención para avanzar na paulatina redución da violencia contra as mulleres “ata a súa erradicación”.

Neste sentido, a secretaria xeral destacou as axudas económicas que o Goberno galego pon a disposición das vítimas e que o pasado ano beneficiaron a 358 mulleres -54 delas na provincia de Lugo- con preto de dous millóns e medio de euros. “Todas as mulleres que cumprían os requisitos recibiron as correspondentes axudas económicas; atendéronse todos os casos”, insistiu.

Así mesmo, destacou o papel da formación nesta atención integral a mulleres e menores vítimas de malos tratos, con iniciativas como a que hoxe se clausurou na Cidade da Muralla, coa entrega de diplomas ás 25 persoas que remataron con éxito o curso de especialista en intervención de violencia de xénero. O curso estivo organizado pola Asociación E-Deidades, para a integración laboral e social da muller, que tamén levou a cabo xornadas de sensibilización sobre esta materia, con máis dun cento de participantes.

A xornada rematou cunha mesa redonda na que participaron do subdirector da Policía Nacional, Enrique Jesús Giménez, e a directora técnica de proxectos da Empresa Galea -especializada en Igualdade-, Cristina Justo. A moderadora foi a avogada da Casa da Muller de Lugo, Maria Jesús González Vara.

24 de febreiro de 2014 | 19:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.