Apertura do prazo de matrícula nas escolas infantís da Galiña Azul da provincia de Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar os requisitos e procedementos para a solicitude de prazas nas escolas infantís A Galiña Azul e, deste xeito, segundo se sinala no devandito anuncio do DOG, publicado o pasado venres, o prazo para a presentación de solicitudes de renovación de praza ou de novo ingreso será ata o 21 de marzo inclusive. Así o destacou hoxe en Lugo a directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, quen explicou as novidades da convocatoria para o próximo curso escolar.

A resolución cos prazos e o lugar de presentación das instancias pode consultarse a través da web www.escolasinfantis.net ou no propio centro, onde se queira matricular ao neno ou nena. As listas provisionais de admitidos publicaranse o día 2 de maio e as listas definitivas, o día 27 de maio. O prazo para formalizar a matrícula dos nenos e nenas admitidos será dende o 28 de maio ata o 10 de xuño, ambos os dous incluídos. O curso comezará o 4 de setembro.

A oferta total da Xunta para o curso 2014/2015 ascende en toda Galicia a 8.750 prazas en 148 escolas infantís, das que 17 escolas están emprazadas na provincia de Lugo. Estes centros na provincia lucense suman 933 prazas, o que supón, segundo explicou González, un incremento do 40 por cento de prazas públicas en escolas infantís con respecto a 2009.

Ademais, a directora xeral sinalou que o Goberno galego ten en planificación outras escolas novas para esta provincia, como a de Burela que contará con 41 prazas, e na propia cidade de Lugo que terá 82 prazas. Esta última construirase no marco dun convenio coa Fundación Amancio Ortega.

Novidades no procedemento

A orde que regula o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís inclúe algunhas novidades. Así por exemplo, no baremo para nenos e nenas que solicitan praza por primeira vez nunha escola a puntuación otorgada a cada pai e nai en situación laboral de ocupación increméntase, pasando de 5 a 6 puntos. É preciso lembrar que xa o ano pasado este baremo incrementouse nun punto.

Tamén no que respecta ao baremo, outorgaránselle, como novidade, 3 puntos aos beneficiarios dunha Renda de Integración Social de Galicia (RISGA) que se atopen no tramo de inserción, co fin de dar cumprimento á Lei de Inclusión Social de Galicia, que entrou en vigor en xaneiro deste ano e co obxectivo fundamental de facilitar a vida laboral e familiar ás persoas perceptoras de RISGA.

Así mesmo, as familias cunha renda pér cápita igual ou inferior aos 7.500 euros anuais beneficiaranse dunha exención total de cota a partir do segundo fillo que acuda á mesma escola infantil.

Destacar tamén que se inclúe o suposto de enfermidade grave para xustificar a necesidade de que un neno ou nena asista á escola infantil en periodos en que os centros permanecen pechados. Ata agora a xustificación desa necesidade era unicamente por motivos laborais.

Fóra de prazo e cheque infantil

Ademais, e ao igual que o ano pasado, as solicitudes presentadas fóra de prazo con xustificación admitiranse ata a data anterior á publicación da relación provisional de admitidos (2 de maio) co fin de concretar e unificar prazos en toda Galicia.

A documentación para optar a cheque infantil presentarase coa solicitude de praza nas escolas, como xa se fixo o ano pasado co propósito de axilizar a tramitación do mesmo.

26 de febreiro de 2014 | 12:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.