Os traballos para o acondicionamento da canle de derivación do río Sar en Padrón comezarán en primavera

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaPadrón
A-
A+
Hernández na reunión co rexedor de Padrón

Hernández na reunión co rexedor de Padrón

O Goberno galego, a través de Augas de Galicia, iniciará nesta primavera os traballos para o acondicionamento da canle artificial que decorre polo núcleo de Padrón. Así llo comunicou hoxe o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, ao alcalde de Padrón, Antonio Fernández,  nunha reunión mantida para abordar diversos temas, entre eles, as incidencias do último temporal.

Estas obras, que foron licitadas por 330.000 euros en novembro, serán adxudicadas no vindeiro mes de febreiro (foron licitadas o pasado 15 de novembro de 2013), xa que na actualidade estase na fase de avaliación de ofertas presentadas. Coa adecuación da canle mellorarase o estado da condución e evitaranse tamén futuros problemas de asolagamentos.

A actuación consistirá na restitución da sección hidráulica inicial nos primeiros 500 metros do canal a partir da derivación, por ser este tramo inicial onde se acumula unha maior cantidade de materiais, que poden actuar de tapón na zona próxima ao encontro da canle co río Sar.

Entre as actuacións previstas está a retirada dos depósitos de sedimentos na canle de derivación do río Sar; a restitución das zonas do fondo da canle erosionadas, mediante a achega de grava compactada que impida futuros desprazamentos de material e minimice o seu mantemento; e a retirada de árbores e restos varios existentes no fondo da canle, entre a presa e a desembocadura no río Ulla (PK 0 +000 ao PK 2 +000).

Hernández aclarou que, en función da evolución da canle tras a execución das actuacións, valorarase a necesidade de actuar no resto da lonxitude.

Por outra banda, tamén lembrou que Augas de Galicia executou nesta mesma canle unha actuación de mantemento, conservación e mellora que consistiu na eliminación de vexetación nos paramentos verticais mediante poda, arrincado manual e aplicación de herbicida. Mellorouse un treito de 900 metros da canle de derivación, que implicou un investimento de case 20.000 euros.

Efectos do temporal

En relación coas consecuencias do último temporal, o alcalde trasladou ao conselleiro a súa preocupación pola caída de parte do terreo na zona entre o polígono de Pazos e Padrón, que afectou a unha condución de saneamento. Co temporal do luns a tubaxe rompeu e está a verter ao río, polo que Agustín Hernández comprometeuse ao seu arranxo inmediato.

Segundo explicou o conselleiro, os cursos fluviais experimentaron grandes enchentes nos últimos días, ocasionando danos como o sinalado. Engadiu que “con respecto aos encoros actualmente non hai problemas en ningún deles e estanse a baixar os niveis para ter resgardo de cara ás novas chuvias”. Dende a Xunta de Galicia fan unha chamada á precaución e á prevención ante a nova alerta laranxa do vindeiro xoves.

Mapas de risco de inundacións

Recordou que Augas de Galicia está a traballar na elaboración dos mapas de risco e inundacións da Demarcación Hidrográfica Galicia – Costa para a aplicación da Directiva de zonas inundables. Grazas a este proxecto estúdase con detalle os efectos das choivas nun total de 543 km de ríos, e implica un investimento de 1,2 dun millóns de euros. As previsións do seu departamento son que en abril se poida iniciar a información pública dos mapas de xestión de risco de inundacións, co obxectivo de dispor dos plans de xestión das zonas inundables a finais de 2015.

8 de xaneiro de 2014 | 12:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.