Oroso insta á Xunta a habilitar axudas para que ningún fogar sexa privado de subministro de auga e enerxía
O pleno municipal de Oroso aprobou a proposta da Alcaldía de dar nome oficial ao CEIP e á gardería municipal, que a partir de agora terán como nomes “CEIP Torrente Ballester” de Sigüeiro e “Escola Infantil A Ulloa”. Unha proposta que agora será remitida á Consellería de Educación e que foi aprobada cos 9 votos a favor de PSOE, BNG e Partido Galeguista; e co voto en contra do PP.
O voceiro do PP, Xosé M. Balado, xustificou o seu voto en contra no feito de que “é un agravio a Sigüeiro” e insistiu en que “os colexios deben levar o nome das poboacións onde se atopan”. O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, lamentou a postura dos populares xa que “este argumento deixa bastante que desexar, pois entón todos os colexios de Santiago chamaríanse Santiago 1, 2 , 3…”. Ademais, lembroulles aos populares que “démoslles a oportunidade de propoñer nomes. Tiveron dous anos para facer unha proposta e non dixeron nada”. Pola súa banda, o concelleiro de Ensino, Antonio Leira, pediulle ao voceiro popular que “non intente manipular as cousas, o colexio é o Torrente Ballester de Sigüeiro”.
Gardería
O único acordo tomado onte por unanimidade foron as modificacións no réxime interno da gardería municipal da Ulloa “para principalmente modificar os prazos de matrícula e así facilitar que os veciños podan axustarse mellor aos das axudas da Xunta, así como para simplificar os impresos de acceso á gardería municipal”, explicou Antonio Leira.
Entre outras modificacións, o regulamento engade unha nova esixencia para poder ser alumno ou alumna da gardería. Se ata o de agora só era preciso ser veciño/a de Oroso e cumprir cos requisitos de idade e condicións económicas establecidos, a partir de agora tamén será obrigatorio que o neno/a teña nacido no momento de presentar a solicitude de novo ingreso. Así mesmo, proporase a modificación dos prazos ordinarios para a solicitude de prazas, para así poder axustarse aos prazos das axudas do Cheque Infantil, e a modificación de varios modelos de impresos para que se adecúen mellor ás necesidades da escola e eviten tamén confusións á hora de ser cumprimentados polas familias.
Chan social contra os cortes de luz e auga
As 4 mocións presentadas (2 do PSOE e 2 do BNG) foron aprobadas cos 9 votos a favor de PSOE, BNG e Partido Galeguista; e cos 4 votos en contra do PP. Así, o pleno acordou instar á Xunta de Galicia a habilitar unha liña de axudas sobre un servizo mínimo de subministro de enerxía (electricidade e gas) e de auga que garanta que ningún fogar galego poda ser privado dun mínimo de cobertura enerxética de subsistencia. O voceiro socialista, Antonio Leira, explicou que “dende o Concello de Oroso podemos acceder á empresa concesionaria do servizo de auga, polo que hai dúas semanas xa paramos dous casos nos que se lles ía cortar o subministro a familias en situación de pobreza, pero cando se trata de electricidade nos damos de bruces con Fenosa”.
Leira Piñeiro fixo fincapé na necesidade de “crear un chan social para garantir como dereito o subministro básico de auga, luz e gas, tendo en conta os informes dos Servizos Sociais”. Así mesmo, o pleno instará ao Goberno de España a modificar a Lei 8/2013 de rehabilitación, rexeneración e renovación urbanas para incorporar unha restrición ás empresas subministradoras que lles impida suspender o servizo de abastecemento de auga a unha familia por razóns económicas, cando os recursos familiares non permitan cubrir o seu pago.
O voceiro do Partido Galeguista, Siverio Mirás, felicitou ao Grupo de Goberno pola iniciativa e propuxo unha emenda que foi aceptada por todos os grupos, salvo o PP, pola que se esixía ao Goberno e á Xunta de Galicia que fagan os cambios normativos precisos para que sexa incompatible pertencer ao Consello de Administración dunha gran empresa eléctrica con ter sido presidente ou ministro. “É un escándalo o que está sucedendo agora, que saen do Goberno e xa van cobrar das eléctricas”, indicou Siverio Mirás.
Aborto e autónomos
O pleno aprobou tamén instar ao Goberno central a retirar o anteproxecto de Lei do Aborto. A concelleira da Muller, Mari Carmen Liste, asegurou que este anteproxecto “trátanos ás mulleres como se fosemos un útero, como un recipiente. Estar embarazada é un dereito, non un deber nin unha obriga”.
Unha posición que foi apoiada tanto polo voceiro do BNG, Xosé M. Pérez, quen se amosou “en desacordo cos pasos atrás, porque se pode ter maioría absoluta pero non ter razón”; como polo voceiro do Partido Galeguista, Siverio Mirás, quen sinalou que “estamos volvendo a tempos medievais pola xogada que fai o PP para que non se fale de Bárcenas”. Os populares orosáns xustificaron a súa posición na súa seguridade de que o anteproxecto será modificado no trámite parlamentario e propuxeron como referencia a lei de 1985, ao entender que “cando unha nena ten que abortar, os pais teñen dereito a sabelo”.
Por outra banda, o pleno aprobou unha moción do BNG en contra da suba das cotizacións aos autónomos decretada polo Goberno “sen ningún tipo de diálogo co sector” e coa que “o Goberno afonda no estrangulamento económico dos autónomos e das pemes”, segundo Xosé M. Pérez. Unha postura apoiada por Siverio Mirás, quen ironizou dicindo que “o Goberno si baixou o IVE do 21 ao 10%… para os que compren cadros”.
O concelleiro popular, Telmo Rodríguez, cualificou a medida de “bastante comedida” e que pretende que “calquera tipo de prebenda do traballador estea no seu soldo, para que a base de cotización suba”, polo que “fortalece a Seguridade Social”. O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, amosouse especialmente crítico coa medida, que cualificou de “desafortunada e non consensuada con ninguén”. Unha medida que “afunde máis ás empresas e aos traballadores”.
Finalmente, o pleno municipal tamén aprobou unha segunda moción do BNG para que a Dirección Xeral de Patrimonio declarase como ben de titularidade pública a colección de obras de arte en poder de Novacaixagalicia e que estas obras sexan de acceso público. O PP xustificou a súa oposición en que xa foi declarado Ben de Interese Cultural, polo que estaba suficientemente protexido. Xosé M. Pérez criticou esta postura e exemplificou: “o Pazo de Meirás tamén é un BIC e todos sabemos que iso nada ten que ver coa titularidade pública”.











