O pleno de Oroso aprobará os nomes dos centros educativos no municipio
O pleno municipal de Oroso celebrará mañá mércores 29 de xaneiro, ás 19:00 horas, a sesión plenaria do mes de xaneiro, na que se aprobará a proposta da Alcaldía de dar nome oficial ao CEIP á gardería municipal. Os nomes propostos son: CEIP Torrente Ballester e Escola Infantil A Ulloa, que posteriormente ao trámite plenario serán enviados á Consellería de Educación.
O Concello de Oroso entende que é preciso nomear a ambos centros para unha mellor identificación dos mesmos, especialmente agora que se proxecta a construción dunha nova gardería e no que está en fase de construción un novo colexio, que o alcalde Manuel Mirás xa anunciou que levará o nome de Isaac Díaz Pardo.
Gardería
Así mesmo, o Concello de Oroso aprobará tamén unhas modificacións no réxime interno da gardería municipal da Ulloa “para principalmente modificar os prazos de matrícula e así facilitar que os veciños podan axustarse mellor aos das axudas da Xunta, así como para simplificar os impresos de acceso á gardería municipal”, explica o concelleiro de Ensino, Antonio Leira.
Entre outras modificacións, o regulamento engade unha nova esixencia para poder ser alumno ou alumna da gardería. Se ata o de agora só era preciso ser veciño/a de Oroso e cumprir cos requisitos de idade e condicións económicas establecidos, a partir de agora tamén será obrigatorio que o neno/a teña nacido no momento de presentar a solicitude de novo ingreso.
Así mesmo, proporase a modificación dos prazos ordinarios para a solicitude de prazas, para así poder axustarse aos prazos das axudas do Cheque Infantil, e a modificación de varios modelos de impresos para que se adecúen mellor ás necesidades da escola e eviten tamén confusións á hora de ser cumprimentados polas familias.
Os puntos da orde do día son:
1- Aprobación das actas das sesións 28-11-2013 e 18-12-2013.
2- Aprobación da denominación dos centros públicos de ensinanza do Concello de Oroso.
3- Aprobación da modificación do Regulamento de Réxime Interno da escola infantil “A Ulloa”.
4- Toma de coñecemento das resolucións da Alcaldía ditadas entre o 21-11-2013 e 23-01-2014.
5- Toma de coñecemento dos reparos de legalidade emitidos entre o 21-11-2013 e 23-01-2014.
6- Mocións dos grupos municipais.
7- Rogos e preguntas.











