Estúdase a posible integración de Padrón na área de transporte metropolitano de Santiago

Reunión co departamento de mobilidade. Foto: X. Crespo
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, está a analizar a integración do Concello de Padrón na Área de Transporte Metropolitano de Santiago de Compostela. Esta cuestión foi estudada no transcurso dunha reunión entre a responsable de Transportes da Consellería, María del Camino Triguero; técnicos da Dirección Xeral e o alcalde do municipio coruñés, Antonio Fernández Angueira.
Na reunión, informóuselle ao alcalde padronés das vantaxes que as condicións do plan levan consigo para os cidadán desta zona.
Este proceso únese aos iniciados polos concellos de Ordes e Vila de Cruces, co que son tres os municipios os que están tramitando neste ano a súa integración nesta area metropolitana. Deste xeito, beneficiarase a unha poboación de máis de 223.000 persoas.
Plan de Transporte Metropolitano
Sinalar, que dende o punto de vista xeográfico, o Plan de Transporte Metropolitano de Galicia é un plan dinámico, en constante evolución.
De feito, en xaneiro de 2013 consolidouse a integración plena dos concellos de Negreira e Rois na Área de Transporte Metropolitano de Santiago de Compostela, polo que, neste momento, está formada por trece concellos: Santiago, Ames, Boqueixón, Brión, Oroso, O Pino, Teo, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra, Negreira e Rois.











