Doce proxectos lucenses de voluntariado percibirán unha achega de 20.000 euros
A Consellería de Traballo e Benestar subvencionou en Lugo con preto de 20.000 euros de investimento doce proxectos de voluntariado impulsados tanto por asociacións como por entidades sociais, culturais e xuvenís.
Entre os beneficiarios están a asociación Aliad-Ultreia, que atende a persoas en risco de exclusión social; a Asociación de Persoas Xordas de Lugo, a Asociación Xuvenil e Cultural Ateibo, e a Asociación Raiolas, que traballa pola mellora da calidade de vida das persoas con autismo.
O programa de Servizo de Voluntariado Xuvenil que promove esta liña de axudas consiste en sufragar os proxectos de acción voluntaria presentados por colectivos e administracións locais sempre que a dita acción voluntaria sexa desenvolvida por mozos e mozas de idades comprendidas entre os 18 e 30 anos, ou de 16 a 18 anos con autorización dos pais ou titores legais.
Poden concorrer a estas axudas entidades inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia que presenten iniciativas relacionadas co Camiño de Santiago, con colectivos en situación de risco, coa recuperación da cultura, arte e tradicións populares galegas, ou ben actividades xuvenís, ambientais ou relacionadas coa igualdade de xénero.
As persoas voluntarias que participaron nestes proxectos obterán da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado un certificado de educación non formal acreditativo da acción voluntaria desenvolvida.











