As obras de soterramento de liñas eléctricas en catro concellos lucenses finánciase con 220.000 euros
A Xunta de Galicia apoiou ao longo dos últimos meses a realización de proxectos de soterramento de infraestruturas eléctricas realizados en catro concellos da provincia lucense, tal e como recolle o Diario Oficial de Galicia (DOG).
O Executivo galego, a través da Consellería de Economía e Industria, formalizou estas axudas, que foran demandadas polos propios concellos, que son os encargados de acometer os traballos, e achegou “máis de 220.000 euros (223.616,98 euros) para a realización destes traballos, orientados á mellora do servizo eléctrico nos distintos municipios”, expuxo a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias.
A máxima representante da Administración autonómica na provincia indicou que as obras corresponden aos concellos de Abadín, Barreiros, Quiroga e Ribas de Sil. “Trátase de actuacións necesarias, demandadas polos respectivos entes locais, e que serven na maioría dos casos para reforzar a seguridade dos veciños dos núcleos de poboación e favorecer o seu desenvolvemento”, agregou.
Os proxectos relativos á provincia de Lugo que foron apoiados inciden fundamentalmente no soterramento de liñas de rede pública e conexións con áreas de desenvolvemento industrial. En concreto, as obras dispostas foron:
-Abadín: Soterramento da liña de media tensión na estrada de Fanoi, de baixa tensión na N-634 e centro de transformación
-Barreiros: Soterramento de liñas eléctricas de baixa tensión no concello
-Quiroga: Soterramento de infraestruturas eléctricas nas inmediacións do auditorio municipal.
-Ribas de Sil: Soterramento de infraestruturas eléctricas no núcleo urbano de San Clodio-Barrio de Outeiro.
A delegada territorial concluíu que dende o Executivo autonómico actuase para favorecer que “a dotación de servizos na provincia sexa o máis completa posible, é para iso trabállase para achegar aos municipios o equipamento e os servizos necesarios, optimizando os recursos públicos”.











