Recoñecemento á traxectoria da Panadería Pallares de Sarria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSarria
A-
A+
Entrega do galardón aos propietarios de Panadería Pallares

Entrega do galardón aos propietarios de Panadería Pallares

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, distinguiu esta tarde a traxectoria de Panadería Pallares, no marco da campaña “A semana do teu comercio: unha semana, un comercio, unha historia”, da que esta semana é protagonista o centro comercial urbano de Sarria.

Esta iniciativa, que a Consellería de Economía e Industria achega aos cidadáns a través do enderezo electrónico portaldocomerciante.blogspot.com.es, busca resaltar o comercio de proximidade e o labor dos centros comerciais na súa dinamización, así como distinguir os establecementos de maior traxectoria de cada CCA, que souberon adaptarse ao paso do tempo grazas á calidade, a proximidade e a innovación que os caracterizan.

Este é o caso de Panadería Pallares, que iniciou a súa traxectoria en 1876 e que está considerada a máis antiga da provincia e unha das máis antigas de Galicia. O establecemento, que hoxe rexenta a cuarta xeración de panadeiros, converteuse nun dos establecementos máis emblemáticos e con máis tradición de Sarria, sendo o aprecio pola súa historia e o afán por modernizarse dous dos atributos que mellor o definen.

Coa campaña “A semana do teu comercio”, a Consellería reafirma o seu compromiso co comercio galego como sector clave para a reactivación económica das vilas e cidades galegas. Neste sentido, a Consellería de Economía e Industria ten concedido apoios por preto de 2 millóns de euros para o impulso de accións de dinamización do comercio de proximidade nos CCA e nas asociacións das prazas de abastos, sendo o Centro Comercial Urbano de Sarria un dos beneficiarios, con máis de 22.000 euros. No acto, Sol Vázquez subliñou a importante labor do CCA, que desenvolve un papel fundamental na dinamización comercial do concello lugués.

A Consellería de Economía e Industria suma preto de 3,5 millóns de euros destinados este ano ao impulso do asociacionismo comercial como un dos eixos da estratexia integral de apoio ao comercio de proximidade. Así, ademais do programa para CCA e asociacións de prazas de abastos, resolvéronse axudas por máis dun millón de euros para federacións de comerciantes e asociacións de ámbito supramunicipal, e está en marcha un acordo de colaboración coa Federación Galega de Comercio.

19 de decembro de 2013 | 19:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.