Os usuarios da Biblioteca Pública Provincial de Lugo convalidarán as sancións por produtos para Cáritas e o Banco de Alimentos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A Biblioteca Pública Provincial de Lugo inaugura o mes de decembro cunha inciativa solidaria, a Biblioteca Quitapenas. Baixo o lema “¡Quitamosche as penas a ti e ti quítasllas a outros!”, a campaña consiste en convalidar as sancións que paralizan o carné dos usuarios debido a devolucións retrasadas a cambio de entregar produtos básicos non perecedoiros que se destinarán a Cáritas e ao Banco de Alimentos de Lugo.

Así, os usuarios que non poidan retirar libros ou outro material durante un prazo de tempo por estar penalizados poden cancelar esta medida a cambio de ofrecer a súa axuda solidaria, posibilidade que tamén se ofrece aos usuarios que estean ao día das súas obrigas e mesmo a calquera cidadán interesado en contribuír.

Igualmente, un ano máis a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca, a través da Biblioteca Nodal, o Certame de Poesía Infantil Nadal 2013, no que participan escolares de toda a provincia a través de máis dunha vintena de bibliotecas públicas.

As bases para participar no certame pódense recoller na propia biblioteca ou ben consultarse na web rbgalicia.xunta.es/lugo. Os gañadores da fase local, que se dirime en cada centro participante, compiten na fase provincial, que se resolve na Biblioteca Nodal.

A última actividade directamente relacionada co Nadal é un obradoiro con temática navideña dirixido a nenos e nenas de entre 5 e 9 anos, que se celebrará os días 4, 11 e 18 de decembro ás 18.30 horas.

O programa de actividades infantís recolle tamén a actuación de Migallas “Entre arrolos e contiños”, o venres 13, e “Contos para bebés”, o día 20 con Pavís Pavós, ambas para nenos e nenas de 0 a 3 anos.

O venres 27 Paula Carballeira presentará os “Contos para acabar cos medos”, para nenos e nas de entre 4 e 12 anos. As actividades infantís comezan ás 18.00 horas e é preciso apuntarse previamente.

Outras actividades

A programación da Biblioteca para o mes do Nadal inclúe un curso básico sobre o programa de folla de cálculo Openoffice Calc, a celebrar os días 2, 4, 9, 11, 16 e 18 de decembro.

Continúa exposta a mostra “Vida cotiá dos castreños”, organizada por Terra Copora e ampliada con novos materiais, e preséntanse as mostras bibliográficas “Cine de Nadal”, “Decora as túas festas” e dúas máis con seleccións de libros para regalar para todas a idades.

Como todos os meses, haberá clubs de lectura e mesas de conversa –en inglés, francés e portugués-, e o café filosófico celebrarase o martes 17 e versará sobre “O ben e o mal”.

3 de decembro de 2013 | 16:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.